La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde, mentres agardaba dentro do coche por unha persoa, estiven mirando durante varios minutos, que calculo que non foron menos de quince ou vinte, para o alto dun edificio en construción. Alá arriba, a moitísimos metros do chan, sobre o bordo dunha cornixa, había un home traballando, que se movía con axilidade e sen temor aparente, como se estivese paseando en terra firme. Dunha maneira espontánea experimentei un sentimento de admiración. Tamén pensei que se el coñecese o que eu sentía naquel momento, probablemente lle parecería excesivo. Supoño que o medo, para esta xente, é tan raro como para un tigre ou un león.

Quen teñan estado en Nova York ou en Los Angeles, seguro que terán reparado nas lexións de persoas que andan limpando as ventás dos rañaceos, encaramados naqueles andamios que se moven como árbores azoutadas polo vento, a centos de metros de altura. Polo visto, moitos son do Concello de Muros, segundo me contou alguén.

O medo é unha cousa importantísima na historia. Grazas a que hai xente que non o ten, ou que o supera, podemos comer peixe collido en augas terroríficas, ou extraer minerais sacados do fondo da terra, ou salvar vidas nas catástrofes, ou facerlle fronte aos tiranos aturando con frecuencia torturas insufribles ou atender a enfermos que poden contaxiar enfermidades mortais. Que eu saiba hai monumentos a toda clase de heroes, especialmente a aqueles que se comportaron con valentía nos campos de batalla. Non coñezo ningún a estes outros, dos que dependen tantas cousas nas nosas vidas. Eu fágollo hoxe aquí, só con palabras, simbolizado naquel home que vin onte alá no alto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de abril de 2000.