La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cuestión de tempo

Alá polos anos vinte, cando un criado negro atopou o cadáver de William Desmond Taylor, un dos magnates da industria do cine, asasinado dun disparo na súa mansión de Hollywood, púxose a berrar con tanta forza que espertou a todo o barrio. En poucos minutos, alertadas unhas por outras a través do teléfono, unha riada de actrices presentouse rapidamente no lugar do crime. Como enlouquecidas, buscaban cartas e fotografías. Todo canto papel atoparon botárono ao lume alí mesmo, na cheminea do salón da casa do morto.

Cando se presentou a policía, sentíronse aliviadas, sobre todo Mary Miles Minter, que encarnaba papeis de nena virxinal e inocente. As probas de amores ilícitos desapareceran xa. Non podían imaxinar que a policía atoparía logo un caixón de prendas íntimas, todas perfectamente identificadas e clasificadas por nomes e apelidos.

Este escándalo serviulles aos puritanos para conseguir normas máis ríxidas de censura. Foi así como … Seguir leyendo

Horas felices

Onte pola tardiña, aproveitando que ía calor de verán, fun dar un paseo por Panxón. Non tiña nada concreto que facer e pensei que merecía a pena sentar nunha terraza para mirar o mar de cerca, tomar unha cervexa fría e botar un pito con calma, sen deixarse agobiar. Non me equivoquei. O día era espléndido, azul e claro, e tiña ese sosego prácido que se apodera da alma cando un sabe que pode perder un par de horas sen prexudicar a ninguén. De maneira que estiven de papón bastante tempo, completamente feliz.

Sacoume da dozura da vagancia unha parella que se puxo a discutir nunha mesa próxima; dous gordiños de aspecto simpático con cara de boa xente pillados nun mal momento. A disputa non me pareceu cousa do outro mundo: mentres o home gardaba silencio, ela dicía que estaba farta, que el era un monstro e que llas había … Seguir leyendo

En marcha

Por fin púxose en marcha o Expreso da Literatura. Ocorreu onte pola mañá, ás nove en punto, con precisión alemá, que desa nacionalidade son os organizadores desta aventura. Fano ben e con moitos sorrisos. Claro que para saír a esa hora, sacáronnos da cama ás seis menos cuarto. Despois, xa na estación, cando o tren arrincou, con todos dentro, un aplauso espontáneo resoou no interior dos vagóns, non sei se dedicado aos portugueses, que se portaron magnificamente con nós, ou ao propio inicio desta gran viaxe que nos vai levar xuntos ao longo de sete mil quilómetros, ata rematar en Berlín a mediados de xullo.

Como nos anunciaran, hai cámaras por todas partes. Estiven observando e as tomas son sobre cousas que chamen a atención. Por exemplo, os que quedan durmidos non se salva ningún. Ou os que fan algo raro, como me sucedeu a min, que me puxen a … Seguir leyendo

Couto mixto

Cando eu era neno, un día fun co meu avó ata Gudes, a visitar o pazo onde nacera a súa nai, Felicidad Vallejo de Luaces. Cando volviamos, despois de merendar, díxome que detrás dos montes que quedaban ás nosas costas, houbera unha república pequeniña, composta por tres aldeas, nas que non podían entrar os gardas, nin os españois nin os portugueses, para prender os criminais que se aloxaban alí. Un destes delincuentes, un tal Casimiro, do que oíra falar na súa infancia, roubáralle a besta a un cura, e acabara vivindo naquel lugar, burlándose do señor abade, que ía cazar perto por se aínda tiña unha oportunidade de collelo fóra do sitio.

Durante anos, non souben se aquilo da república pequeniña era un conto ou era verdade. Tempo despois, don Ángel Cocho, profesor meu no bacharelato, un día pediume que fixese un traballo sobre A Limia. Buscando aquí e alá, … Seguir leyendo

O valor das cousas

Onte comín en Santiago cun grupo de amigos que viñeron a un congreso para falar sobre cuestións relacionadas con iso que chaman as novas tecnoloxías. Un dos comensais, Joan Majó, que foi ministro e sabe moito destes asuntos, dixo que se o mundo do automóbil avanzase da mesma maneira que avanzou o mundo dos ordenadores, agora un coche custaría arredor de trescentas pesetas e tería unha potencia de máis de cinco mil cabalos. A min, o exemplo pareceume magnífico, case poético.

Eu mesmo lin algo parecido hai anos, só que aplicado á industria aeronáutica. Naquel caso, o exemplo aseguraba que, postos nas mesmas circunstancias, un avión tardaría un cuarto de hora en dar a volta ao mundo e o aparato, supoñendo que fose un Jumbo, tería un prezo no mercado de aproximadamente unhas cinco mil pesetas.

Xa metidos en cifras, algún dos presentes meteu na conversa o tema do valor … Seguir leyendo