La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos vinte, cando un criado negro atopou o cadáver de William Desmond Taylor, un dos magnates da industria do cine, asasinado dun disparo na súa mansión de Hollywood, púxose a berrar con tanta forza que espertou a todo o barrio. En poucos minutos, alertadas unhas por outras a través do teléfono, unha riada de actrices presentouse rapidamente no lugar do crime. Como enlouquecidas, buscaban cartas e fotografías. Todo canto papel atoparon botárono ao lume alí mesmo, na cheminea do salón da casa do morto.

Cando se presentou a policía, sentíronse aliviadas, sobre todo Mary Miles Minter, que encarnaba papeis de nena virxinal e inocente. As probas de amores ilícitos desapareceran xa. Non podían imaxinar que a policía atoparía logo un caixón de prendas íntimas, todas perfectamente identificadas e clasificadas por nomes e apelidos.

Este escándalo serviulles aos puritanos para conseguir normas máis ríxidas de censura. Foi así como se fixeron famosos individuos como Will H. Hays ou J. Parnell Thomas. Confeccionaron listas negras, puxeron detectives nos estudios, investigaron a vida privada dos actores… Algo parecido ao que empeza a pasar de novo nos Estados Unidos. Diante desta nova furia, só nos queda un consolo: case todos estes valentes moralistas acabaron tendo problemas de cartos coa xustiza. O tempo raramente decepciona aos que saben agardar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xuño de 1995.