La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha moda

Onte escoitei na radio un escritor que estaba indignado, case dunha maneira profesional, con isto do campionato mundial de fútbol. Debe ser a fase que toca agora, porque hai uns anos a moda era a contraria: presumir de ir ao campo a ver os partidos. Antes aínda, en cambio, alá polos sesenta, considerábase algo parecido a un pecado. Recordo que daquela, un día chegou á tertulia de don Vicente Risco, en Ourense, un pintor, coincidindo cun encontro futbolístico de moito postín. Sen malicia de ningún tipo, don Vicente preguntoulle se viña ao fútbol e o artista, con voz de quen foi pillado en falta, dixo: “Si, porque ultimamente me dedico a pintar multitudes”.

Ignoro se por tomarlle o pelo ou porque era iso o que pensaba, Risco confesoulle que se non vise tan mal, pois non vía case nada, tamén el se animaría a ir ao estadio do Couto. Entón … Seguir leyendo

Sentir envexa

O sábado estiven con outros amigos en Xanceda, na casa de Felipe Fernández Armesto, onde despois de xantar, comodamente instalados no salón, fixemos unha longa tertulia que durou case ata o solpor. Os temas, como sucede sempre neste tipo de reunións informais, foron moitos, entroncados uns noutros de maneira espontánea, deixándonos arrastrar pola enxurrada fluvial da conversa, que ao final chegou a ser como un río cheo de derivacións e meandros. Unha delicia. A experiencia vital do anfitrión dá para moitas horas de lecer.

Desde rapaz tiven a sorte de vivir rodeado de homes e mulleres que sabían contar historias, e resultou tan atractiva para min esta condición, que os meus mellores amigos foron sempre xente de máis idade, que é a que conta mellor. De aí que me encante facer tertulia con persoas que teñan vivido moito e que saiban narrar con arte o que viviron. Un pracer semellante … Seguir leyendo

A biografía de Camus

Aproveitei o descanso obrigado destes días griposos para ler a biografía de Albert Camus escrita por Olivier Todd, recentemente publicada. Son preto de novecentas páxinas espléndidas sobre un dos escritores a quen eu máis teño admirado na miña vida. Aínda podo recordar exactamente en que lugar me atopaba o día 5 de xaneiro do ano 1960, a iso das dez da mañá, que foi cando souben polo periódico que Camus morrera en accidente de automóbil o día anterior: estaba na casa de Dalmiro Castro, un amigo de Xinzo de Limia.

Moitos anos despois, andando pola Provenza, un día achegueime ata Lourmarin, a pequena aldea onde repousan os restos do escritor francés. Esperaba encontrar na tumba algunha das frases memorables que escribiu, pero atopeime só co seu nome, apenas visible, gravado sobre unha pedra, e as datas do nacemento e da morte. Lendo agora esta excelente biografía, non inferior á de … Seguir leyendo

Un país pequeno

Os físicos coñecen ben o nome de H. A. Lorentz, un profesor holandés que unía á súa condición de sabio a característica de ser unha boa persoa. Como tantos homes eminentes, nunca tivo unha alta opinión de si mesmo, pois consideraba que as cousas das cales trataba eran no fondo bastante sinxelas. Pensaba que a ciencia, ao contrario da especulación filosófica, raramente metía a xente en conflitos e que a súa aspiración máxima na vida consistía en axudar a resolver algúns problemas concretos, non demasiados.

Hai uns días, ordenando papeis, atopei unha frase deste home que eu mesmo anotei non sei cando e que tampouco recordo en que lugar a lin. Di que sempre se sentiu moi contento de ter nacido en Holanda, non por patriotismo, senón porque se trata dun país tan pequeno que nel non se poden facer grandes disparates.

Supoño que cando copiei estas palabras estaba pensando … Seguir leyendo

Un libro e unha amiga

O outro día chamoume Marina Mayoral desde California, onde está dando un curso na universidade, para pedirme que a representase no pazo de Moldes, Concello de Boborás, no acto de entrega do Premio Losada Diéguez de literatura que se celebrou o último sábado e que este ano lle concederon a ela. Escuso dicir que aceptei encantado unha encomenda tan grata, en primeiro lugar porque se trata dunha amiga, pero tamén porque se dá a circunstancia de que no libro galardoado hai un conto dedicado a min.

Supoño que a cousa sería distinta para o Concello de Boborás, convocante do premio. Como todo o mundo sabe, Marina é unha magnífica escritora, ademais de ser unha moza moi alta e moi guapa, dotada de gran simpatía. Non me estrañou, polo tanto, que os organizadores dos actos se puxesen tristes ao coñecer a noticia.

Hai moitos anos eu merquei en Madrid, nunha librería … Seguir leyendo