La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Esa neniña que temos na casa desde hai algún tempo, da que falei aquí nunha ocasión, acaba de cumprir un ano. Iso quere dicir que xa sabe gatear, que está a punto de dicir algunhas cousas, especialmente o nome do seu pai, e que entende moitas das frases que lle din. Como sente falar en sueco con frecuencia, tamén comprende ese idioma. Por exemplo, sabe que “klockan” é o reloxo, pois cando escoita esa palabra abandona a tarefa que está facendo, mira para o cuco e sinala co dedo. Tamén aprendeu a facer algunhas monadas que fan os nenos suecos coas mans, unha versión do “palmitas” que se emprega por aquí, pero menos azucrado.

Entre os moitos regalos que recibiu o outro día, o que máis lle gusta é un teléfono móbil de xoguete. Ten varias teclas que emiten sons diferentes: ocupado, chamando ou recibindo. Cando toca nesta última, arrima o aparato á orella dereita e di algo parecido a “¿Que?”. Logo pecha a portiña que garda o teclado e deixa o artiluxio en paz durante algún tempo, ata que se lle acorda outra vez e volve empezar. Como xa empeza a andar soa pola casa, aínda que sexa a gatas, descubriu os libros que ocupan a parte baixa dos andeis.

Aí temos un conflito entre ambos os dous: ela a querer rachar canto volume lle queda ao alcance das mans e eu a tratar de salvalos dese desastre. Supoño que algún acabará perdéndose polo camiño, o cal non me fai ningunha graza. Por iso, non obstante, non imos rifar. Pola idade que conta e polo simpática que é, ten todos os billetes do mundo para converterse na raíña da casa. Haberá que estar vixiantes, polo tanto. Despois de todo, os reis e as raíñas, nestes tempos, non poden facer o que lles dea a gana.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de novembro de 1998.