La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un rapaz dilixente

O outro día, mentres esperaba a hora de embarcar no avión que me ía levar de Baltimore a Nova York, entrei nunha das cafeterías do aeroporto para tomar un café. Atendeume un rapaz negro duns vinte anos, de andar torpe. Pola maneira de falar e pola inocencia alegre e limpa da mirada que me dirixiu, decateime de que sufría algún tipo de atraso mental. Fixo o seu traballo  con dilixencia, esaxerando un pouco, iso si, o acto simple de limpar a mesa, que me pareceu formaba parte do seu orgullo profesional. Deixouna como unha patena.

Despois de servirme, quedou parado un momento diante de min, sen dicir nada, mirándome fixamente con ese mesmo sorriso que me dedicara ao principio, e preguntoume cantos anos tiña eu. Cando lle respondín, contoume que el ía cumprir vinte e que súa nai xa pasaba dos sesenta. Sen máis, marchou atender outra mesa.

O primeiro … Seguir leyendo

Xerusalén

Para achegarse ao Muro das Lamentacións, en Xerusalén, hai que levar kipa, é dicir, esa especie de solideo que os xudeus practicantes poñen no cocote. De maneira que, cubertos con ese adminículo, alá nos fumos un grupo de amigos a mesturarnos cos xudeus ortodoxos, todos vestidos de negro, que naquel momento facían as súas oracións. Un destes últimos, vello de barbas brancas con aspecto venerable, foinos collendo un por un para darnos a bendición mentres cantaba impoñéndonos a man sobre a fronte. Pareceume un detalle simpático, incluso algo emotivo. Eu non sabía que o home facía aquilo a cambio duns dólares, que cobrou feliz.

Polo demais, a Xerusalén histórica é unha cidade moi fermosa, aínda que os lugares relacionados coa vida de Xesús resultan un pouco decepcionantes, o mesmo o Monte das Oliveiras que o Horto de Xetsemaní. O máis atractivo, polo menos para min, é a convivencia que se … Seguir leyendo

Unha chaquetiña

Chamoume onte un amigo de Ourense para preguntarme, en ton cariñoso de broma, cales son os dereitos das galiñas. Referíase ao artigo meu do mesmo día, no que eu utilizaba unha expresión semellante, aínda que supoño que el estaba pensando na cuestión do trato que se lles debe dar aos animais en xeral. A verdade é que ignoro se existe algún país no que estean protexidos os dereitos das galiñas da mesma maneira que están os das vacas na India. En todo caso, sen caer en extravagancias, ese é un problema.

Eu recordo a experiencia que me contou un parente meu sueco, que un día, ao saír do dentista, atopouse con que vía a xente reducida do tamaño das formigas. Mentres ía para a  casa, loitaba tanto contra o medo de estar volvéndose tolo como co pánico que sentía diante da posibilidade de esmagar a alguén dunha pisada.

Desde que … Seguir leyendo

Un bigote para os porfetas

Pasei preto dunha hora diante do televisor vendo un deses individuos que queren amañar o mundo. Fixeime nos labios, o lugar exacto a onde hai que mirar para descubrir os tramposos: unha carnosidade arrugada e tacaña de cu de galiña. Estes tipos procuran disimular cos ollos e coas mans o que a boca delata sempre de forma inequívoca. Ao final, resulta cómica a falta de coordinación entre ambas cousas, como nesas películas nas que a voz non se corresponde co movemento dos labios.

Estou seguro de que me atopo diante dun cínico: contundente, satisfeito, feliz polo púlpito. Para propoñerse a si mesmo como modelo para os demais e atreverse a predicar a benevolencia absoluta da propia doutrina, hai que ser bastante golfo, polo menos se un descarta que se trate dun idiota ou dun iluminado.

Coñecedor do percal, contei as veces que empregou a palabra honestidade ao longo da entrevista: … Seguir leyendo

Crónica madrileña

Estiven en Madrid para dar unha conferencia na Universidade Carlos III, no marco dunhas xornadas sobre a España das Autonomías, que nesta semana está dedicada a Galicia. A min tocábame falar con Gonzalo Torrente Ballester sobre escritores e letras galegas, pero tiven que intervir eu só porque o querido amigo acaba de pasar a gripe deste ano e tiña medo de que o volvese coller o frío. Fixo ben, aínda que perdeu un par de horas agradables, con centos de mozos e mozas cobizosos de escoitar falar de literatura.

Ademais, vai bastante frío. Por outra parte, como a universidade que goberna Gregorio Peces-Barba queda un pouco lonxe, alá en Getafe, hai que andar dun lado para outro en taxi e resulta inevitable expoñerse ao rigor dese coitelo frío, ás veces coa punta criminalmente afiada, que vén da serra cando sopra o vento do norte.

Por certo que o taxista que … Seguir leyendo

A nai

Hai uns días, mentres vía na televisión un programa sobre a caída do muro de Berlín, recordaba as veces que estiven naquela cidade, coa barreira de cemento xa construída e tamén, anos máis tarde, con ela derrubada. Nunha das primeiras visitas, residín nunha casa que estaba na raia divisoria, de maneira que desde o meu cuarto, situado nun quinto piso, nada máis abrir a fiestra polas mañás, o primeiro que vía eran os militares e os cans da parte Leste, patrullando entre alambradas, no límite mesmo dunha terra lisa e arada, que eu supuña, despois souben que con razón, sementada de minas. Un día collín un tomavistas e púxenme a filmar, pero pouco tempo, porque deseguida, desde o outro lado, un policía fíxome xestos ameazantes.

Unha noite, sen saber como, acabei ceando cuns amigos na casa dunha parella alemá. No transcurso daquela velada, decateime de que o noso anfitrión estaba … Seguir leyendo

Esperemos que acabe ben

Non me acordo onde foi nin por que razón tiven eu acceso a aquelas confidencias, pero o certo é que nunha ocasión escoitei contar con toda clase de detalles, nunha xuntanza de café, como se cocera un pucheirazo electoral, pucheirazo ao fin e ao cabo, aínda que se tratase daquelas eleccións sen carne que se celebraban durante os tempos de Franco. Supoño que debían corresponder a aquilo que chamaban os procuradores polo terzo familiar, ou algo así. O señor que contaba a historia fora protagonista principal, ou sexa, que fora el mesmo  quen preparara a trampa, que lle resultou ben, pois ao final conseguiu que o candidato que apoiaba, por certo o máis aberto e liberal, triunfase nos papeis sen gañar a votación.

O procedemento, seguido con todo descaro diante da vítima, un home, por certo, a quen eu coñecín e que non semellaba ser persoa de grandes luces, era … Seguir leyendo

Outro estafador

Onte falei aquí dun estafador que un día me invitou a dar unha conferencia en Alicante e me pagou os billetes de avión cun cheque sen fondos, pero que meses despois me enviou un abrazo por un amigo. Non foi o único personaxe desta especie na miña vida. Hai anos, outro deles, falador e simpático, vendeume de favor, e así mesmo o entendín, un libro que se podía atopar nas librerías por un prezo tres veces inferior a aquel que eu paguei encantado; con tanta arte e graza me meteu o calote aquel senvergonza.

Emprego esta palabra sen rancor, porque desde entón teño tomado café co caribe en varias ocasións. Non consigo que me caia mal, aínda que procuro velarme del, pois resulta moi difícil resistirse ao seu inmenso talento, recoñecido e acreditado con anos de cárcere. A última vez que o vin foi cando a Expo. Baixaba a Sevilla.… Seguir leyendo

Por que lle chaman así

Estes días, con motivo do secuestro de Revilla, agúns amigos téñenme preguntado por que se lle chama así ao «síndrome de Estocolmo». Probablemente, os que me preguntab non saben que eu tiven a oportunidade de seguir por televisión, en directo, durante seis días e seis noites, os sucesos que deron orixe ao famoso sínfrome. Debeu ser no verán do ano 1973. Unha mañá de setembro, mentres escribía unha carta, escoitei pola radio que un individuo acababa de entrar armado no Kreditbanken de Estocolmo que collera como reféns a súas rapazas e a un home e que  pedía un auto rápido para fuxir, unha cantidade importante de diñeiro e a compañía dun célebre preso que se atopaba cumprindo a súa condena.

A policía entregoulle todo de inmediato, pero negouse a aceptar que os atracadores puideran levar os reféns con eles. Entón estes pecháronse coas dúas rapazas e o rapaz na cámara … Seguir leyendo

Indulto

Teño un veciño que traballa na construción e que vive rodeado de animais domésticos. Ademais do can, un palleiro que quedou coxo como consecuencia dun accidente, garda na casa varios patos, unhas cantas galiñas, algúns coellos e agora, ultimamente, unha porca que se chama Greta. Os máis inútiles de todos eles son os patos, tan lacazáns, segundo me contou o outro día, que comen deitados. A pesar desta vagancia, para que se divirtan, fíxolles unha especie de estanque no que se bañan de cando en vez, aínda que tampouco demasiado. Desde hai dous anos, ou cousa así, os patos, que entraron na familia como futuro alimento, seguen vivindo.

O mesmo ocorre cos coellos. E a porca Greta, que lles chegou hai unha semana coa idea de cebala para facer unha boa matanza o ano que vén, vai por ese camiño. Digo isto porque onte, cando lle preguntei por … Seguir leyendo