La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Espías

Hai uns anos, a noticia de que Fidel Castro acababa de morrer, chegou ás oficinas da CIA, nos Estados Unidos, e desde alí, rapidamente, ao despacho do presidente Clinton. Para avaliar a situación e tomar as medidas oportunas, os responsables da Casa Branca convocaron os encargados da seguridade do Estado, que se xuntaron nunha reunión de emerxencia. Cando estaban reunidos, Radio Habana trasmitiu un animado encontro de Fidel Castro cun grupo de periodistas mexicanos. Nese momento, todos os homes que se atopaban con Clinton quedaron mirando sorprendidos para o representante da CIA, como preguntándolle.

A noticia aparece agora nun libro de recente publicación nos Estados Unidos, escrito por un antigo espía que traballou durante moitos anos para a axencia central de intelixencia. Nas súas páxinas dáse unha das claves de grandes meteduras de pata como esta. Cando o xefe da CIA tivo que explicarse, consciente ou inconscientemente deu na diana: … Seguir leyendo

Xogadores de xadrez

Cando eu vivía en Xinzo de Limia, alá nos anos da miña infancia e adolescencia, pasaba varias veces todos os días por diantes das grandes ventás do café Antela, moi cerca da miña casa. Polas tardes, pouco despois de comer, xa estaban alí, comodamente instalados arredor dunha mesa, dous sempiternos xogadores de xadrez: silenciosos, coa cabeza entre as mans e o xesto grave de quen ten moito que pensar. A calquera hora que volvese, pasase o tempo que pasase, eles seguían impasibles no seu sitio.

Era tal a afección daqueles homes, que as linguas máis aceiradas da vila adoitaban dicir que o extraordinario parecido que un deles acabou tendo co cabalo de negras se debía a unha especie de mimetismo por simpatía. Pola mesma razón, ambos se converteron en xente bondadosa, tranquilos coma as súas longas partidas.

Nos Estados Unidos nace agora a modalidade de xadrez rápido, no que cada … Seguir leyendo

Accidentes

Hai no metro de Nova York un anuncio que sobrecolle. Son dúas fotografías, co significado clásico do antes e o despois. Na primeira vese unha familia triste e pobre, presidida por un pai cochambroso, vivindo nunha casa miserable. Na segunda, aparece a mesma familia, pero agora feliz, todos ben vestidos, nunha casa preciosa e chea de luz. A felicidade afecta incluso ao pai, a pesar de que nesta fotografía está sentado nunha cadeira de rodas. Trátase do anuncio dun despacho de avogados especializados en accidentes, que se presentan a si mesmos como capaces de conseguir a maior cantidade de diñeiro posible para os seus clientes.

Este tipo de propaganda é moi frecuente e aparece tamén nos periódicos e na televisión. En xeral, está enfocada desde o punto de vista exclusivo do negocio, non dos dereitos das vítimas. A estas ofrécenlles diñeiro. Como divisa, os despachos exhiben as cifras maiores que … Seguir leyendo

Verines, unha vez máis.

Acabo de chegar á praia da Franca, en Asturias, para participar un ano máis no encontro de escritores da Casona de Verines. Despois de once, este rito que se repite cada mes de setembro coa precisión fermosa dun reloxo antigo forma parte xa da vida dun. Este mar, que agora teño ao alcance da man mentres escribo diante da fiestra, é para min un dos símbolos da alegría. Convivín con xente tan agradable neste lugar, pasei tantas horas de conversa gozosa cos amigos, que algún día terei aquí unha das fontes da miña melancolía.

Precisamente, este ano falaremos da literatura da memoria, é dicir, de diarios, autobiografías e outros textos semellantes. Estiven tentado a escribir o meu relatorio en forma de lembranza, facendo a historia destes encontros. Ignoro por que mecanismo interno non controlado, acabei escribindo sobre o Diario de Miguel Torga.

Polo demais, todo está ben: os empregados do … Seguir leyendo

Desprezo

Hai un par de semanas atopei nunha tenda de cousas vellas unha cámara antiga. Collina, vin que funcionaba e preguntei o prezo. O dono, un señor gordo e con bigote, tirando a vermello, con cara de ben almorzado, díxome unha cifra disparatada, algo así como dez veces o valor do aparato. Por non discutir, quedei calado e seguín mirando entre as estanterías, máis pola curiosidade de ver obxectos raros ou curiosos que porque estivese interesado en mercar nada en concreto, a non ser a cámara.

Cando xa me ía, o dono preguntoume se non me interesaba e conteille a verdade, que me parecía demasiado cara. Como levaba un catálogo no coche, saín para amosarllo e demostrarlle que as cousas non teñen calquera valor, senón que todo está taxado. Nada máis ver a cantidade que figuraba na lista, díxome: “¿E ese libro de onde é?” Pronunciou a frase con sorna, anticipando … Seguir leyendo

Os rostros e as fotos

Onte, despois de comer, fomos dar un paseíño de cinco minutos ata a Casa de Conferencias de Wannsee, que queda aquí ao lado. É unha imponente mansión de cerca de dous mil metros, construída como residencia privada por un poderoso industrial alemán a primeiros de século, situada á beira do lago e rodeada por un xardín de máis de trinta hectáreas, completamente cheo de árbores. Ao principio, tanto a casa como o lugar producen de forma natural unha impresión agradable e tranquila, case idílica.

Deseguida, cando un avanza polo xardín en dirección á porta de entrada, o corazón empeza a encollerse. Conforme un se vai achegando máis, toda a casa adquire de súpeto un aspecto tenebroso. A elegancia da fachada e das fiestras, a graza mesma do porche deixan de parecer fermosos e acaban por meter medo.

O día 20 de xaneiro do ano 1942, como xa comentei o outro … Seguir leyendo

Candidatos

No artigo de onte, no que falaba da miña experiencia como correspondente deportivo do diario Ya diante da selección española de fútbol, cando esta se concentrou en Santiago para preparar o campionato mundial que se ía celebrar en Inglaterra, tróuxome á memoria algúns episodios que tiña case esquecidos. Recordo sobre todo a historia que me sucedeu naqueles días cun xogador moi famoso naquela época, verdadeiro ídolo da afección, ao cal entrevistei para o citado periódico. Era un home que se expresaba con corrección, afeito a falar diante dos micrófonos, aínda que era sabido que se trataba dun rapaz de orixe humilde, sen formación nin estudos.

Iso polo menos foi o que me contou un dos seus admiradores, Francisco Taboada, que entón estudaba medicina en Compostela e que na actualidade é médico non sei onde. Tiña tantas ganas de coñecer o futbolista dos seus soños que me pediu que, o día … Seguir leyendo

Memoria da posguerra

Estes días, lendo o serial sobre a posguerra que se está publicando como suplemento do periódico, seguindo as peripecias de maquis e guerrilleiros, estanse revolvendo na miña memoria historias e persoas que tiña case xa borradas. Acórdome, por exemplo, da casa de Epifanio, alá en Sabucedo, no reborde alto das terras da Limia, que un día queimou a Garda Civil e que eu vin arder desde lonxe pensando nas mazás e as cereixas que me daba o seu dono, coñecido tamén polo Seisdedos.

Salpicadas aquí e alá nas conversacións dos maiores eu ía aprendendo as razóns daquelas cousas. Enfiando palabras e silencios conseguín saber que a casa do Epifanio servía de refuxio aos do monte e que estes conseguiran fuxir no último instante, xusto uns minutos antes de que os gardas lle fixesen o cerco, para ir queimarlle en respresalia a casa ao cura de Couso, case na raia de … Seguir leyendo

Ladróns sen responsabilidade

Estiven comendo cun amigo, diplomático de profesión, que aproveitou a circunstancia de que non nos escoitaba ninguén para falar desas cousas que normalmente non pode dicir sen que se organice un conflito. Está destinado nun país pobre, receptor de axudas inmensas que lle chegan a través diso que se chama a cooperación internacional. A palabra “inmensas” significa exactamente, en termos económicos, varios centos de miles de millóns de pesetas, unha cifra capaz de arrincar da miseria a ese país.

Non obstante, segue fundido nela: cada ano é máis pobre. Hai pouco aínda, unha nación amiga envioulle alimentos por toneladas, pero unha parte substancial desapareceu sen deixar rastro, a pesar de que equivalía a un par de trens longos cargados de diversas mercadorías. A explicación oficial foi tan simple como desvergonzada.

Conteille despois a outros amigos estas cousas e case todos reaccionaron da mesma maneira, botándolles as culpas aos que dan … Seguir leyendo

Unha charca

Unha das cousas nas que me entreteño aquí, polas mañás, é na lectura do periódico, especialmente cos asuntos do Presidente e os líos nos que anda metido por culpa dos seus pecados. Non é que me interese a historia en si, senón a convulsión que está creando na vida política americana. Onte, por exemplo, un dos senadores que teñen sido máis duros con Clinton, Dan Burton, avisaba aos seus electores de que hai unha revista que vai publicar unha reportaxe escandalosa contra el. Parece que o aviso non lle vai servir de nada. Polo visto, a este campión da decencia pública acaban de collelo ben collido nas patacas.

Segundo contaba onte The New York Times, en Washington, entre a clase política, que aquí está formada por non poucos tiburóns de pel de aceiro, empeza a haber medo. Moitos dos senadores que máis falaron do mal exemplo do Presidente e … Seguir leyendo