La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dous mundos

Estiven vendo na televisión unha entrevista cunha señora ucraína que perdeu o seu home e un fillo de vinte anos na catástrofe mineira do outro día, na que morreron máis de cen persoas. Era unha muller de cara redonda, con esa feitura de pan que só se dá entre a xente do campo. Debía de ter uns cincuenta anos de idade, aínda que aparentaba dez ou quince máis, e vestía de pobre, fóra de calquera moda, como se a roupa non fose máis que un aditamento imprescindible para non andar espida e gardarse do frío.

Estaba moi triste, pero enteira e digna, consciente de que non debía chorar diante das cámaras. Dixo que ela presentira a desgraza pola mañá, no momento de despedirse: era como un desacougo opresivo no corazón, igual que se tivese unha vaca sentada no peito. Por iso, cando os homes se foron, púxose a rezar.

As … Seguir leyendo

Monumento

Onte pola tarde, mentres agardaba dentro do coche por unha persoa, estiven mirando durante varios minutos, que calculo que non foron menos de quince ou vinte, para o alto dun edificio en construción. Alá arriba, a moitísimos metros do chan, sobre o bordo dunha cornixa, había un home traballando, que se movía con axilidade e sen temor aparente, como se estivese paseando en terra firme. Dunha maneira espontánea experimentei un sentimento de admiración. Tamén pensei que se el coñecese o que eu sentía naquel momento, probablemente lle parecería excesivo. Supoño que o medo, para esta xente, é tan raro como para un tigre ou un león.

Quen teñan estado en Nova York ou en Los Angeles, seguro que terán reparado nas lexións de persoas que andan limpando as ventás dos rañaceos, encaramados naqueles andamios que se moven como árbores azoutadas polo vento, a centos de metros de altura. Polo visto, … Seguir leyendo

Sobre a vellez

Onte pola tarde, cando volvía de Santiago, fun saltando de radio en radio, escoitando un pouco aquí e outro pouco alá, á procura dun programa que me entretivese durante a viaxe. Escoitei varias cousas interesantes. Por exemplo, unha serie de opinións sobre a vellez, tanto de xente nova como de persoas maiores. Unha destas últimas dixo que ser vello consistía en durmir pouco, comer pouco e tusir moito. Outra delas definiu esa mesma idade da vida como unha etapa tranquila e bastante feliz. Finalmente, unha rapaza, estudante universitaria en Madrid, dixo que os vellos non lle gustaban, que por iso mesmo ela non esperaba chegar alá.

Nalgunha outra ocasión xa teño contado aquí iso de que un empeza a ser vello cando ve os futbolistas e os soldados como rapaces novos. Nunca estiven moi seguro desa apreciación, en parte porque os xogadores de fútbol, como as atletas en xeral, representan … Seguir leyendo

Rávena

Para min, Bolonia ten varias vantaxes. A primeira, que é unha cidade moi fermosa, a pesar do cal está bastante alonxada dos circuítos turísticos. A segunda, que ten varios quilómetros de soportais, un elemento construtivo non só útil cando chove, que por fortuna non é o caso destes días senón tamén agradable para pasear polas noites, ao abrigo de ventos e resíos. Aínda podería engadir o asunto do tráfico, ordenado dunha maneira intelixente por un alemán que parece que sabe moito destas historias tan complicadas e que acertou coa solución.

Non obstante, un dos atractivos máis claros de Bolonia é a súa situación estratéxica, que a converte nun lugar ideal para facer excursións que non requiren moito tempo para desprazarse. Está preto de todos os lados. Venecia, Verona, Módena, Rímini, Florencia, Sierna, Pisa… Esa é a razón de que un poida aproveitar as tardes para ver algúns destes lugares e … Seguir leyendo

Cousas de santos

Na madrugada do martes pasado, cando xa era de noite e non se vía xente pola rúa, perdinme cuns amigos na cidade de Padua, camiño de Milán, onde tiñamos que coller o avión ao día seguinte. O curioso é que o enderezo que buscabamos contaba cunha boa referencia, a igrexa de Santo Antón, patrón da cidade, pero non había maneira de dar con ela. Cada vez que o coche enfiaba o rumbo que nos marcaban os letreiros indicadores, acababamos dando voltas e  máis voltas, ata aparecer no extremo oposto da vila.

Despois dunha hora, como se estivésemos metidos nun labirinto estúpido, ideado polo Demo para rirse de nós e impedir que durmísemos aquela noite, acordeime de que santo Antón é o encargado de atopar as cousas perdidas, pero tamén me decatei de que nunca souben o responso que hai que rezar para pedirlle favores.

Así que seguimos dando voltas durante … Seguir leyendo

Unha moda

No pasado mes de febreiro, segundo conta o The New Yorker, que é onde eu leo estas cousas, celebrouse en Nova York a presentación dunha moda que vén este ano, inspirada na roupa militar, pero que foi bautizada como Utility Chic, quizais para non espantar a clientela pacifista. Non convén esquecer que durante a guerra de Vietnam, moitos pacifistas ían vestidos de militares. O caso é que, entre as prendas que se van levar agora, abundarán os anoraks de color caqui, as chaquetiñas de piloto, as camisas verdes de camuflaxe e outras roupas polo estilo. Para a praia, o modelo ideal será, polo visto, o “tankini”, palabra feita a base de tanque e bikini.

A modelo elixida, quizais sería mellor dicir recrutada, para presentar a nova moda, foi Laetitia Casta, esa rapaza de Córsega que domina nas pasarelas e que algúns consideran a muller máis fermosa do mundo, cualificativo … Seguir leyendo

Unha biblioteca

Moitos amigos repróchanme ás veces a visión positiva que teño dos Estados Unidos. Un deles, que me ten censurado cariñosamente por isto que el entende como unha extravagancia, pasoume onte a edición internacional do Herald Tribune do venres pasado co propósito de que lese unha noticia capaz de demostrarme o equivocado que estou. A verdade é que me conmoveu, pois é desas historias que parecen confirmar o tópico dunha América bárbara, ignorante, infantil e manipulada pola televisión.

Neste caso, a brutalidade empezou por culpa dun locutor de radio, moi popular en Texas, que dixo no seu programa diario que na biblioteca pública da cidade, nun lugar indeterminado dos estantes, entre as follas dun libro, esondera el dez mil dólares, máis de un millón de pesetas, que eran para quen os encontrase.

Unha multitude enlouquecida asaltou a biblioteca, empezou a subir polos estantes, arrincando as follas dos libros en busca do … Seguir leyendo

Un obsequio

Pasei a tarde de onte lendo dúas das revistas que chegan á casa a primeiros de mes. En xeral, viñan saborosas. Divertinme bastante cunha reportaxe sobre Ciro’s, un club nocturno famoso no Hollywood dos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial, frecuentado polas figuras máis populares do cine e da canción daquela época. Se cito uns poucos nomes coñecidos, como Marilyn Monroe, Frank Sinatra, Cary Grant ou Ava Gardner, non será necesario dar máis datos para imaxinar o ambiente que se respiraba naquel célebre local.

Polo que respecta ás falcatruadas que facían, abonda con soltar un pouquiño a imaxinación. Nestas cuestións relacionadas co corpiño non resulta difícil imaxinar nada, por moito que naquel club se desen circunstancias especiais, como o día en que o director de cine Anatole Litvak e Paulette Goddard pecaron na pista de baile.

Con todo, confeso que levei algunha sorpresa. Na lista dos divertimentos daquela xente, similares … Seguir leyendo

Orellas

Anda estes días por aquí unha amiga sueca a quen coñezo desde hai máis de vinte anos. Ademais de ser guapísima, Eva é unha muller moi intelixente, que escribe sobre gastronomía nas revistas máis importantes do seu país. Precisamente veu a Galicia hai unha semana, xunto cun fotógrafo, Stewen, e outra compañeira, Lillemor (nome que, por certo, en sueco significa Naiciña), para facer unha serie de reportaxes sobre a cociña galega. Percorreron, ou están percorrendo, o noso país de arriba a abaixo, visitando restaurantes de distintas categorías. A impresión que levan é fantástica, tanto da calidade da comida como da amabilidade da xente.

Unha das cousas que sempre me chamaron a atención de Eva, á parte de saber que cando tiña dezaoito anos nunca contara unha mentira, é que unha muller de aparencia tan delicada, de carácter doce e fala suave e melosa, estivese especializada no porco. Mesmo escribiu un … Seguir leyendo

Unha mentira

O domingo pola mañá, despois de almorzar, pecheime no estudio para comprobar se estaba alí, no lugar que máis ou menos lle correspondía, un libro que andaba buscando e que necesitaba consultar para facer un pequeno traballo. Como ocorre case sempre, non se atopaba no seu sitio. Na súa praza figuraba outro do cal me tiña esquecido e que abrín por curiosidade. Nada máis ler a primeira liña na que bateron os ollos por azar, quedei tan cativado pola lectura que xa non puiden parar ata a hora de comer.

O autor falaba do pintor Amedeo Modigliani, a quen coñeceu en París e con que compartiu horas de tertulia, nas que participaba tamén Jeanne Hébuterne, a muller daquel. A descrición das veladas pareceume espléndida, así como as alusións ás borracheiras, tanto que acabei buscando unha biografía do célebre artista italiano.

De pronto, xurdiu a sorpresa. A crónica que lin estaba … Seguir leyendo