La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desafío

Faláronme onte dun señor de Santiago que ten a graza de facer rir aos seus contrarios como remedio para saír airoso das situacións máis comprometidas. Nunha ocasión, ao ser  sorprendido pola policía sen permiso de conducir, pediu autorización aos axentes e púxose a facer unha necesidade menor á beira da estrada, colocando antes de maneira estratéxica a aqueles dous señores coa finalidade de que o tapasen e non dar así un escándalo aos automobilistas que pasasen. O do escándalo, dicíalles con cara de pena, dependía dunha característica que non se atrevía a confesar, pregándolles, polo tanto, que se mantivesen de costas e non mirasen tampouco eles.

Este truco non é novo. Recordo ter lido, agora non me acordo en que autor, a historia dun médico inglés do século pasado que, retado a desafío con pistola por unha cuestión de ofensas, acudiu ao campo do honor completamente espido, co argumento de … Seguir leyendo

Inventos revolucionarios

Non sei que será do meu amigo Framil, bigote branco e melena ao vento, que na Compostela de hai trinta anos, cando el era xa cincuentón, compartía un emprego de camareiro para estudantes, nun comedor modesto da Algalia, coa nobre profesión de inventor. Moitas noites, despois de deixar a moza nun domicilio misterioso da parte vella da cidade, buscábame para pasearmos xuntos polas rúas, eu a meditar nas murrias melancólicas da adolescencia, el a explicarme con entusiasmo o último dos seus inventos, todos revolucionarios.

Esperaba, desde había anos, unha resposta de Eduardo Barreiros, empresario poderosísimo daquela época, a quen lle enviara os planos e a descrición dun aparello sinxelo pero eficaz, destinado a recuperar a moita forza que se perdía inutilmente no retroceso dos canóns. Tratábase dun instrumento aforrador, a mecánica do cal esquecín xa, pero que resultaba moi atractiva, case poética.

O meu amigo Framil vivía coa sospeita e … Seguir leyendo

Opinións furiosas

Cando o doutor Barnard fixo o primeiro transplante de corazón, hai agora trinta e tres anos, eu escoiteille dicir a un cura enfadado que se o mundo ía seguir polo camiño enlouquecido que levaba, calquera día os científicos serían capaces de poñernos o corazón dun porco, o ril dunha ovella e a cabeza dunha vaca. Divertido polo que se lle acababa de ocorrer, o bo do crego estendeuse en comparacións semellantes e chegou á conclusión de que nese futuro de loucura colectiva habería xente que podería reclamar que lle puxesen o rabo dun mono, aínda que el persoalmente avogaba porque a todos nos puxesen orellas de burro, o apéndice máis  apropiado para un mundo de acémilas que se empeñaban en darlle as costas a Deus Noso Señor.

Menos mal que ao saír da igrexa, o sentido común do meu pai devolveume a tranquilidade de espírito cun breve comentario: “¡Quen faría … Seguir leyendo

O coello Churchill

Ese coello chamado Churchill, do que falei onte aquí, cando eu o coñecín, era xa moi vello. Se fose un señor, por exemplo, levaría lentes grosos, utilizaría bastón e tusiría con voz de carraspa matutina. Naturalmente, comportábase como supoño que se deben comportar os coellos de certa idade, con desgana e sen entusiasmo por nada, menos por un traballo tan aburrido como o que el desempeñaba: dar voltas arredor dunha especie de praza de touros en miniatura para entrar nunha cela e outorgar a sorte.

O nome de Churchill víñalle de que na propaganda que facía o seu dono, para atraer a xente ata a barraca e gañar unhas pesetas, dicía que se trataba dun coello especial. Entre as moitas virtudes que lle atribuía, ademais de asegurar que era chinés,apúñalle que fumaba puros e que botaba o fume polo nariz. Era mentira.

Non recordo ben por que me caeu antipático … Seguir leyendo

As loucuras dun paxaro

Tiña eu un amigo en Ourense, afeccionando ás armas curtas e ás escopetas, que estaba obsesionado con matar un reiseñor. Non se trataba de ningunha rareza de tipo cinexético nin sequera dunha manifestación perversa de calquera maldade oculta. Máis simple: o canto do paxaro, que procedía das árbores dun xardín veciño, non o deixaba traballar. Tan pronto empezaba a soar aquela sinfonía, o meu amigo pasmaba de tal maneira que non conseguía concentrarse no que tiña que facer. Foi así como lle veu a idea á cabeza.

Non se trataba da pose elegante dun intelectual que busca sorprender con algún tipo de extravagancia, pois en varias ocasións tivo desgustos cos veciños polos disparos que fixo desde a galería da súa casa. Non sei que sería do reiseñor, porque o meu amigo xa morreu, pero supoño que andará tamén polo lado de alá.

Acordeime de ambos dous hoxe pola noite porque … Seguir leyendo

Nenos

Antes de onte vin na televisión unhas imaxes documentais que foron talvez das que máis me levan impresionado na miña vida. Nelas víase a un neno de tres aniños, que despois de naufragar nos rápidos furiosos dun río, por onde navegaba co seu pai, que morreu afogado no accidente, aguantou agarrado ás ponlas dunha árbore, con medio corpo metido na corrente, durante varias horas, ata que foi rescatado polos servizos de socorro nun traballo con moitos riscos e milimetricamente calculado. Nas imaxes sobrecollía a cara do pequeno, dunha serenidade e determinación máis propias dun adulto que dun neno da súa idade.

Onte, afectado aínda polo que vira, comentei o feito cuns amigos, que coincidiron todos en destacar, cada un cos exemplos que coñecía, a capacidade de resistencia dos rapaces. Alguén contou a historia dunha nena que caeu nun pozo de sesenta metros, de poucos centímetros de ancho, e que foi … Seguir leyendo

Cuestión de palabras

Onte, no artigo onde falaba de Gonzalo Torrente Ballester, utilicei a palabra “columpio”, que un amigo me acaba de reprochar por teléfono, propoñéndome o uso dun termo máis  lexitimamente galego, como “randea” ou “carrinchán”. Ten razón. A verdade é que me pasou pola cabeza no momento de escribir, pero quizais porque estaba falando de naturalidade, unha actitude que confeso que me atrae como o azucre ás moscas, fóiseme o gusto cara a ese lado. É dicir, que nesta ocasión perdeu a pureza.

Entre a pureza e a naturalidade, quédome coa primeira.  Por suposto, falo soamente de gustos persoais, non de fanatismos estéticos nin de normas literarias. Non pretendo que a todo o mundo lle gusten as mulleres bonitas sen pintar nin que prefiran o peixe á parrilla, quero dicir á grella, para que non me volvan rifar.

Con todo, se eu tivese que substituír o vocábulo castelán “columpio” por un … Seguir leyendo

Os ollos dun monstro

Alá polos anos cincuenta circulaba polas vilas de Galicia unha compañía ambulante, metade circo, metade teatro, que se chamaba “Las maravillas del mundo” e que exhibía un monstro, a  vaca Juanita, con dúas cabezas, e outra serie de cousas raras que non recordo. Por unha peseta de sobretaxa podíase contemplar a través dun buraco de cristal o ollo vivo do xigante Pertusato, nacido na China, fillo de comerciantes xenoveses, e morto dunha pedrada traidora non recordo en que batalla contra os mouros.

O citado ollo era como un ovo frito inmenso, do tamaño dun prato e de color azul, que se movía flotando nunha especie de sopa encarnada, coa aparencia espesa do sangue dos porcos que se empregaba antes nas filloas. Para incrementar a sensación de noxo ou horror, o líquido estaba cheo de pelos como canotos.

Acabo de ler que os científicos teñen probas da existencia dun animal mariño … Seguir leyendo

Un neno que facía de cabra

Onte, cando estabamos vendo o belén de Arturo Baltar un grupo de amigos xunto co escritor Manuel Vicent, apareceu por alí o escultor. Tivemos así a sorte de que nos explicase aquela marabilla, unha xoia que por si soa xustifica unha viaxe a Ourense. Por primeira vez souben o significado dalgunhas das figuras, todas coa súa historia particular, vinculada case sempre á vida do artista, da súa familia ou dos seus amigos. Había ademais o interese propio do autor, unha das personalidades máis ricas que habitan neste país.

Contounos, por exemplo, por que lle deu tanta importancia a unha escena na que se ve unha cabra subida no alto dunha escaleira de man, rodeada dun público inocente que contempla feliz o pobre espectáculo. Díxonos que, en realidade, a cabra era un autorretrato, afirmación sorprendente aínda nun home como Arturo Baltar.

A cousa ten a súa lóxica. Cando era rapaz, o … Seguir leyendo

O home máis vello do mundo

Alá polo ano 1961, o escultor ourensán Arturo Baltar aseguraba que tiña cincocentos catro anos. Eu oínllo dicir varias veces de viva voz e nunha ocasión comprobei que o dicía nunha entrevista que lle fixeron no diario Pueblo de Madrid. Aquela vez, diante do escepticismo do  periodista, puxo como testemuña a Vicente Risco. Uns días despois, cando Baltar regresou a Ourense e se presentou na tertulia do Café Parque, don Vicente protestou porque o citase como aval de algo que non podía avalar. Díxolle: “Pero home, ¿como vou eu probar que vostede ten cincocentos catro anos, se eu non teño máis que setenta e sete?” Sen inmutarse, Baltar limitouse a comentarlle: “Por certo, don Vicente, aínda me acordo do guapiño que estaba o día que fixo a primeira comuñón”.

Segundo as miñas contas, Arturo Baltar, que nunca deixou de defender esa idade, debe andar agora polos cincocentos corenta e tantos. … Seguir leyendo