La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos cincuenta circulaba polas vilas de Galicia unha compañía ambulante, metade circo, metade teatro, que se chamaba “Las maravillas del mundo” e que exhibía un monstro, a  vaca Juanita, con dúas cabezas, e outra serie de cousas raras que non recordo. Por unha peseta de sobretaxa podíase contemplar a través dun buraco de cristal o ollo vivo do xigante Pertusato, nacido na China, fillo de comerciantes xenoveses, e morto dunha pedrada traidora non recordo en que batalla contra os mouros.

O citado ollo era como un ovo frito inmenso, do tamaño dun prato e de color azul, que se movía flotando nunha especie de sopa encarnada, coa aparencia espesa do sangue dos porcos que se empregaba antes nas filloas. Para incrementar a sensación de noxo ou horror, o líquido estaba cheo de pelos como canotos.

Acabo de ler que os científicos teñen probas da existencia dun animal mariño xigante, nunca visto ata agora porque habita en profundidades superiores aos catro quilómetros, pero as características do cal xa se poden describir. O que máis me chamou a atención non é o seu tamaño, aínda que mide varios metros, senón os seus ollos, os máis grandes da creación: trinta e oito centímetros de diámetro. Parece ser que o día que se poidan ver será un espanto. Talvez, pero eu teño a sensación de que xa os vin hai anos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de decembro de 1995.