La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un ladrón suave

Nas feiras de Xinzo de Limia, que se celebraban o catorce e o vinte e sete de cada mes, alá polos anos cincuenta actuaban moito os carteiristas. Eu nunca vin a ningún, pero contemplei moitas veces a cara de estupor das vítimas, que primeiro apalpaban o peto interior da chaqueta á procura da carteira desaparecida, sen dar creto á evidencia do que lles acababa de suceder.  Despois aparecía sempre alguén que describía vagamente ao delincuente, un tipo chupado que se escorregaba como unha anguía entre a multitude.

Tiñan fama de artistas, individuos capaces de birlar unha billeteira empregando uns dedos suaves, de algodón, longos como pinzas de cristal. Dicíase que aprendían o oficio desde nenos e que unha das leccións consistía en meter a man no peto do mestre sen que soasen os axóuxeres que este levaba pendurados na chaqueta.

Agora, o procedemento é máis simple e directo: unha navalla … Seguir leyendo

Os vellos iracundos

O sábado, mentres esperaba un amigo nun café, estiven observando con atención un vello vergonzante. Todo no seu porte externo facía pensar nunha ancianidade non asumida. Vestía de colorín, incluído un ostentoso caravel na lapela da chaqueta, levaba o pelo tinguido, as uñas coidadosamente lacadas e sospeito que o ton sonrosado da cara tampouco era natural. Os complementos de adorno, é dicir, aneis, pulseira e embocadura para fumar, dáballe un inconfundible toque final de perfecto zascandil.

Estaba no esforzo inútil de ligar cun par de rapazas novas: dúas mozas graciosas e faladoras que lle permitían o xogo, quizais por aburrimento ou curiosidade máis que por verdadeiro interese. A conversa, apicarada e tonta, ía das insinuacións maliciosas ás audacias libertinas. É dicir, un conxunto ben colmado de bobadas.

Cando volvía no coche para a casa, escoitei na radio unha locutora aguerrida que entrevistaba a Santiago Carrillo e que lle reprochaba que … Seguir leyendo

Sorpresas

O profesor Jacques de Bruyne, que foi quen me trouxo ata Bélxica para dar un par de conferencias, ademais de ser unha figura eminente no mundo universitario do seu país, é tamén un home con humor, que non deixa de sorprender. Despois de pedirme escusas por se o hotel que me tiña reservado non era do meu gusto, atopeime con que, ao abrir o cuarto 801, que era o que me estaba asignado, se trataba dunha luxosa suite de 150 metros, con salón, comedor, dormitorio, dous cuartos de baño, dous televisores e unha ventá corrida de vinte metros sobre a cidade. Lástima que tanta marabilla fose para min só.

Cando estaba sentado no salón, agardando noticias do profesor De Bruyne, este chamoume por teléfono. Quería saber canto tempo necesitaría para amañarme, pois pensaba levarme a cear un bocadillo a un lugar próximo ao hotel. Escarmentado pola broma do cuarto, decidín … Seguir leyendo

Un home poderoso

Máis que alemán, Helmut Schlesinger parece inglés. A formada cabeza, sobre todo, carece da rotundidade abusiva dos xermanos, ese poderío bovino que se percibe a simple vista no pescozo de moitos dos seus compatriotas e que xeralmente se prolonga na conformación xeométrica do queixo. As orellas, algo grandes pero correctas, tampouco son da súa terra, nin os labios. Quizais os ollos, determinados e voluntariosos, son teutóns. Polo demais, este señor parece envolto nun aire leve de intelectual elegante, quizais escéptico.

Puro engano: é un dos homes máis poderosos do mundo. Onte mesmo, como presidente do Bundesbank, fixo unhas declaración aparentemente inocentes en Colonia, e aos poucos minutos desatouse tal tormenta especulativa contra o franco e a coroa danesa que as autoridades dos respectivos países tiveron que intervir con forza para evitar que esas moedas se viñesen abaixo.

Que un home que vive nunha casa, almorza polas mañás, dorme nunha cama … Seguir leyendo

Un metro magnífico

Non quixera rematar estas impresións que traio de Caracas sen citar un feito positivo, case sorprendente nunha cidade que, como dixen estes días, ten moitos problemas. Refírome ao metro: unha marabilla. Non coñezo outro igual en ningunha parte do mundo, a non ser o de Moscova, este último co inconveniente de ser unha obra excesiva, con mármores e lámparas de luxo, máis propios dunha igrexa ou dun palacio que dunha estación de ferrocarril subterráneo. O despilfarro, aínda dirixido ao pobo, é despilfarro.

O metro de Caracas é outra cousa. As estacións son funcionais, amplas e cómodas, deseñadas con gusto, moi agradables. dáse ademais a circunstancia de que o lixo que se ve nas rúas, alí abaixo non existe. Todo está impoluto, igual que unha patena, como se dicía antes, cando a xente sabía o que era unha patena.

Os habitantes da cidade séntense orgullosos do seu metro e cóidano. Naturalmente, … Seguir leyendo

Un regalo

Unha vez, estando na casa da miña avoa, en Ourense, a tía Elvira, que non era especialmente rumbosa, díxome que se ao día seguinte a ía visitar ao seu domicilio, na Avenida de Buenos Aires, que me faría un regalo. A verdade é que se me encheu o peito de emocións. Vivían ela e o seu home sós, sen fillos, cunha vella criada que se chamaba Jovita, nun fermoso chalé de pedra, apenas cen metros máis alá, no que había algún obxectos que eu non me cansaba de mirar cando me invitaban a merendar con eles.

Gustábame de maneira especial unha pistola en miniatura, da que non podía quitar os ollos. Logo recordo unha caixa de música e unha cigarreira de prata cun cervo gravado. Tamén me gustaba un reloxo de area pequeniño, que non debía contar máis que un minuto, e un pallaso coa cara de porcelana, chamado Pachín.… Seguir leyendo