La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nas feiras de Xinzo de Limia, que se celebraban o catorce e o vinte e sete de cada mes, alá polos anos cincuenta actuaban moito os carteiristas. Eu nunca vin a ningún, pero contemplei moitas veces a cara de estupor das vítimas, que primeiro apalpaban o peto interior da chaqueta á procura da carteira desaparecida, sen dar creto á evidencia do que lles acababa de suceder.  Despois aparecía sempre alguén que describía vagamente ao delincuente, un tipo chupado que se escorregaba como unha anguía entre a multitude.

Tiñan fama de artistas, individuos capaces de birlar unha billeteira empregando uns dedos suaves, de algodón, longos como pinzas de cristal. Dicíase que aprendían o oficio desde nenos e que unha das leccións consistía en meter a man no peto do mestre sen que soasen os axóuxeres que este levaba pendurados na chaqueta.

Agora, o procedemento é máis simple e directo: unha navalla brutal posta no pescozo do cliente e punto. Onte, non obstante, mentres eu facía unha compra nun comercio de Lisboa, vin un rapaciño adolescente roubando un reloxo do escaparate cunha mestría que me deixou marabillado. Ignoro se ese é o estilo que gasta a especie por aquí abaixo ou foi só un caso fortuíto e individual. Fose como fose, agradécese. A intelixencia é sempre preferible á violencia, aínda nos casos en que aquela tampouco sexa inocente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de decembro de 1996.