La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Mentres viaxo no coche, vou escoitando na radio un divertido debate sobre esa moda que hai agora de pintar sinaturas e frases nas paredes. Pertence ao xénero dos programas estúpidos, hoxe tan abundantes, nos que se fala de banalidades nun ton transcendente. Participan na discusión, ademais do moderador, que se expresa coa seriedade que el mesmo lle concedeu previamente á disputa, un pintor de muros e tapias, un escritor e o presidente dunha  organización que agrupa a varias asociacións de veciños de Madrid.

O dos pinceis parece inocente: posto no trance de ter que falar en serio da súa afección, só pide que lle recoñezan o dereito a facer algo que lle gusta. É dicir, que ten a sensatez de non saírse do campo reivindicativo da liberdade. Para deixar claro ademais que se trata dunha persoa razoable, a súa reclamación exclúe edificios e casas.

O máis parvo resulta ser o escritor: está empeñado en converter o pintaparedes nun artista, en elevar á condición de obra de arte os monos e os macacos que este traza nos muros e en denunciar a insensibilidade artística dunha sociedade que non comprende a importancia estética do labor que realizan estes grafistas espontáneos. Emocionado e perdido nas alturas dun discurso radical, o presidente dos veciños ten que meterlle o dedo nun ollo: “Rapaz, baixa o ton, que non estamos falando de Velázquez”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de decembro de 1993.