La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cheguei a Lisboa o luns pola noite, a unha hora que en España aínda é cristiá, pero que aquí, cos horarios que teñen en Portugal, non permite atopar un restaurante aberto onde tomar un bocado, que para min non era un problema de fame ou apetito, senón un simple pretexto para fumar tranquilamente o puro que me faltaba. Como sempre é posible encontrar unha excepción civilizada dentro da rixidez inhumana de toda norma, finalmente dei cun lugar agradable e puiden quentar o corpo, atrapado ata aquel momento polo frío intenso que facía. A compañía, ademais, converteu o requisito de comer algo cunha grata tertulia, non interrompida máis que pola propia vontade, cando decidimos que era xa un pouco tarde e que había que ir durmir.

Ao día seguinte pola mañá, é dicir, o martes, erguinme cedo e abrín as cortinas da ventá do cuarto do hotel, situado nun sexto piso, para que entrase o primeiro sol do día, unha luminaria de color azul que me deu a primeira alegría da xornada. Despois de mirar cara á rúa, sobre unha parede branca descubrín unha pintada que pedía botar a Deus fóra de Portugal.

Antes, unha frase como esta sería considerada unha blasfemia; hoxe supoño que non pasará de ser entendida como unha gamberrada ou unha estupidez. De todas as maneiras, pensando no autor do escrito, cheguei á conclusión de que, ademais de ser un pouco atravesado, debía de ser tamén algo iluso. Atravesado, porque Deus son as persoas que cren nel e, polo tanto, habería que botalas a todas para cumprir o propósito. E iluso, porque non hai xeito de expulsar a Deus de ningún sitio, dado que sempre haberá quen o leve en segredo no corazón

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de novembro de 1999.