La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Houbo países no pasado que tiñan días considerados nefastos, nos cales a xente non podía tomar baño, embarcar ou comer peixe, nin matar determinados animais, como bois, cabalos, coellos ou cabras. Pola contra, nos días bos, estaba autorizado case todo, incluso comer prea, un prato que merece a consideración de exquisito aínda hoxe en países como Tanzania. Entre os días nefastos e os bos, nos chamados “de ameaza” prohibíanse as viaxes por terra, especialmente se había temporal, vento, neve ou tronada.

Desde entón, o calendario perdeu todo dramatismo e non quedan nel máis que algúns restos dos medos do pasado. En martes e trece, aínda hai xente que nin se casa nin se embarca. Mesmo hai persoas que ese día non saen á rúa por temor a que lles suceda algunha calamidade. Hai pouco, un ferrador de Sevilla confesou na televisión que nesa data el pasaba o día metido na cama, por se acaso.

Un parente meu terá mañá o seu día nefasto. Desde hai tempo, o vinte e un de novembro non pasa sen unha desgraza. Empezaron sendo gordas, segando cabezas na familia en dúas ocasións, aínda que ultimamente o rigor do fado vai diminuíndo: xa hai tres anos, desde que lle levou o gato, e antes fora o can, que non morre nada naquela casa. Agora, a cousa anda por pequenos estropicios, desperfectos e trapalladas. O malo é que lle ten pánico aos avións e ese día ten que voar por forza. Non direi desde que aeroporto para evitar o pánico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de novembro de 1992.