La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte xuntámonos en Vigo un grupo de amigos para recordar a Paco Mantecón. Aínda non pasou moito tempo desde o día da súa morte, pero transcorreron meses dabondo para que empecemos a lembralo como era, cando era Paco, e non aquela imaxe amarela e espectral dos últimos meses, cando xa non parecía el. Entraba no meu despacho case sen forzas, falando desde moi abaixo, coas cubertas dos últimos libros que fixera, cheas de colores, un dato que ao principio me desconcertaba, ata que me decatei de que estaba poñendo alegría arredor del, tratando de compensar a negrura en que o ía sepultando a enfermidade.

El non era así. Agora volvo recordalo cos seus bondadosos ollos de chinés e o xesto da boca, nunca souben se de coñón ou de escéptico, talvez de pasota, polo menos nos últimos anos, cando supoño que algunhas certezas se lle encheran xa de melancolía, aínda que nunca de frustración nin de amargura. Estouno escoitando en Panxón, nalgunha noite de verán, discutindo con calor, pero sen furia, só por seguir os costumes do corazón.

Ás veces discutiamos as cubertas: este tipo de letra para o título, aquela color de fondo, o tamaño do nome dun autor excesivamente preocupado por esas cousas, a gramaxe e a calidade da cartolina elixida. Tiña criterios seguros e ben fundados, ademais de moi bo sentido, pero admitía calquera suxestión sen inmutarse, disposto sempre a cumprir os gustos, cando non os caprichos, dos demais. Non quero escribir aquí que era xeneroso para que non se pense que o digo porque é o que hai que dicir nestas ocasións. El era un home tan incompatible coa retórica que sería feo dedicarlle ese tipo de palabras. Direi só que era bo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de novembro de 2001.