La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dicía onte que o individuo do que tratei aquí se tiña dedi cado ao boxeo. Non era raro no Ourense da miña infancia. Eu aínda recordo os nomes dalgúns mozos que practicaban ese deporte: Tino I e Tino II, Carqueixa e King Kong. Dos catro, o último ocupaba o primeiro lugar na estimación do público. Eu vino pelexar no Café Antela de Xinzo de Limia, alá polos anos cincuenta, e impresionáronme as tatuaxes que lucía nas costas e no peito: un Sagrado Corazón de Xesús e unha moza de labios grosos e melena longa.

Entre todos tiñan organizada unha especie de compañía ambulante que ía facendo combates polas vilas. Os mal pensados aseguraban que roldaban nas derrotas e nas vitorias, a non ser no caso de King Kong, que debía gañar sempre. En Xinzo, teño entendido que pelexaron fóra do ring por culpa da quenda.

Non sei por que, o que mellor me caía de todos era Carqueixa. Un día descubrín que traballaba como maleteiro nos coches de liña. Chamoume a atención que para chegar ata a casa da miña avoa, no Parque de San Lázaro, tivese que facer descansos cada pouco tempo. Cando o meu pai lle pagou unha peseta, dixo que o vulto era de dúas, pois pesaba moito. Uns minutos despois, no alto das escaleiras, eu probei forzas e decateime de que podía levantar a maleta. Non me sentín orgulloso; deume moitísima pena o boxeador.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de novembro de 1996.