La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando estaba en Frankfurt, mentres ía pola rúa escoitei unhas voces raras, como dun tolo berrando, que me chamaron a atención. Achegueime ao lugar de onde procedían e atopeime cun pequeno grupo de actores que representaban sobre un escenario ao aire libre unha peza teatral. Eran rapaces novos, todos vestidos con roupa da Idade Media, que actuaban para o público no marco dun festival que pretendía revivir o tempo dos traxes que levaban. De xeito que o teatro non era máis que unha parte do espectáculo.

Nun tramo da rúa había algo que se podería chamar a reprodución detallada dunha aldea medieval. En primeiro lugar, case ao lado dos títeres, onde naquel momento actuaba o Demo, un zapateiro preparaba uns zocos baixo a mirada curiosa de ducias de nenos e numerosos pais. Levaba perruca para parecer vello.

Logo vin tamén un carpinteiro e outras xentes enredando aquí e acolá, a maior parte delas dedicadas a facer pulseiras, pendentes, colares e demais alfaias menores. A produción vendíase no lugar e as vendedoras eran rapazas vestidas de saco, algunhas descalzas, con aspecto de xente alternativa. Quero dicir que me pareceu que se trataba dun grupo con mensaxe, non dun teatriño municipal contratado polo concello para entreter turistas. Houbo, non obstante, un detalle que me desconcertou: podíase pagar con tarxeta de crédito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de outubro de 1997.