La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non creo que houbese ningunha persoa no mundo que chegase a saber tanto do Demo como don Vicente Risco. Coñecía todos os nomes de Satanás, incluso os secretos, e sabíalle os costumes e debilidades, entre elas a teima de ir tomar o sol todos os anos a Ribadavia polo día de San Martiño, a pesar de que un frade de San Francisco acababa sempre a cantazos e pedradas contra el. Don Vicente tíñalle medo, pero aínda así escribiulle a biografía, unha decisión que lle custou varias contrariedades e desgustos.

Eu mesmo lle oín contar a don Vicente que algúns campesiños presumían de ter un demo pequeno na casa, do tamaño aproximado dunha castaña, que gardaban na caixa das agullas. Era un demo bo, ao cal se lle podía pedir calquera cousa. Para facerse con el había que cumprir un rito, quizais un pauto, que incluía a obriga de chocar un ovo de galo negro. Don Vicente falaba diso con moita seriedade.

Confeso que eu teño unha visión moi simple do Demo, a quen considero mala persoa sen máis. Gardo unha vaga idea de que, sendo neno, o vin na escuridade do meu cuarto un par de veces e que era moi feo, pero tampouco recordo que me amedrentase demasiado. Un trazo de inconsciencia máis que de valentía, sen dúbida. Agora acabo de saber que en Turín hai máis de corenta mil persoas que lle renden culto ao Demo. Non deixa de ser raro, porque Turín é unha cidade bastante aburrida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de outubro de 1992.