La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aproveitei o último día da feira do libro de Frankfurt para achegarme cuns amigos ata Heidelberg, que queda a algo menos dunha hora en coche. Para min é unha das cidades máis fermosas de Alemaña, pola que sinto simpatía por razóns persoais. Na súa universidade dei unha vez unha conferencia que non me resultará fácil esquecer, pois ao rematar de dicir as miñas palabras, os estudantes empezaron a pegar golpes coas mans contra os pupitres e coas propias tapas destes, dunha maneira tan escandalosa que me sentín avergonzado. Claro que deseguida me acordei de que esa é a maneira tradicional de aplaudir nas universidades alemás. Polo tanto, en poucos segundos, o que nun principio fora vergonza, converteuse en puro gozo.

En Heidelberg, ademais, onde teño pasado días moi fermosos, charlando horas e horas nas súas célebres tabernas, situei un personaxe feminino da miña novela Deus sentado nun sillón azul. Está inspirado nunha amiga alemá e nel quixen render homenaxe ás xentes daquela terra que foron vítimas do nazismo e que son consideradas verdugos só por seren dese país.

En Heidelberg hai dúas visitas obrigadas: unha ao castelo, que está cheo de turistas, e outra ao Camiño dos Filósofos, por onde paseaban Schelling, Hölderlin e creo que o propio Hegel, se non recordo mal. Hai que ter peito para subir a costa, toda empedrada e tan empinada que son moitos os visitantes que desisten antes de chegar á cima, esgotados polo esforzo. Cando estabamos a uns metros  do final, escoitei unha rapaza de Tarragona que dicía: “Con este cansancio, esta noche dormiremos mejor”. Non parecía un gran pensamento, digno dunha paraxe como aquela, pero tiña o encanto fresco de quen come unha mazá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de outubro de 1999.