La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nos meus anos de estudante adolescente tiven un compañeiro de internado que era un rapaz serio: aplicado, aparente, distinguido. Un día tivo unha desgraza. Ao ir comulgar, ergueuse todo digno, como sempre, e alá marchou cara ao presbiterio coas mans dereitas e a cabeza inclinada sen decatarse de que levaba o pantalón do pixama colgado do cinto, como un rabo. Unha catástrofe. Por primeira vez na miña vida descubrín ata que punto pode ser cómica a seriedade.

Acórdome deste episodio cada vez que vexo ese programa de televisión onde someten os protagonistas á máquina da verdade. Por debaixo da gravidade con que procede o presentador, esa conciencia exemplar, dá a sensación de que en calquera momento, se tivera que erguerse, colgado do cinto podía levar o pixama.

Ás veces, cando as cámaras enfocan os seus ollos, parece adiviñarse un home que sofre. Este espírito delicado, que pasou a vida abrumado pola podremia da vida política española, agora que conta cunha máquina que lle permite establecer cientificamente a verdade, non lle serve máis que para encher o estudio de morralla. A vida é pura contradición. Sucédelle con frecuencia aos moralistas, almas sempre atormentadas. Esperemos que se non nesta vida, polo menos llo compensen no ceo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de outubro de 1993.