La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, mirando un libro na feira de Frankfurt, descubrín unha cousa que ignoraba: Walter Zapp, o inventor da mítica cámara Minox, vive en Suíza. Ten noventa e tres anos. Polo retrato que se incluía na nota biográfica á cal me refiro, mantén o xesto triste que se lle vía nas fotos antigas, cando residía en Lituania (Latvia, daquela) e andaba tratando de convencer a algún empresario ou persoa de diñeiro para que se animase a fabricar a cámara máis pequena do mundo. Walter Zapp conserva igualmente a inocencia da mirada, aínda que máis seca, pois a partir de certa idade non se chora por case nada.

A cámara inventada por Zapp pasou a ser coñecida como a cámara dos espías. No cine viuse moito en mans de axentes rusos e americanos, en películas do xénero, incluídas as de James Bond. Na realidade debeu ser tamén así e aínda hoxe hai unha controversia sobre a Minox que levaba o asasino de Kennedy e que desapareceu das oficinas do FBI. E cunha Minox tomouse a primeira foto na Cámara dos Comúns, cando estaba prohibido.

Eu mesmo teño reproducións de fotos históricas sacadas con esa máquina, como a que tomou clandestinamente dentro do Kremlin o asesor presidencial americano Glenn Seaborg, mentres falaba Kruschev. A Walter Zapp nunca lle gustou que identificasen a súa cámara coa espionaxe. Nunha ocasión dixo que inventara a Minox porque quería facer unha cámara que fose bonita e pequena. Aínda se conserva o taquiño de madeira que lle serviu de modelo. Un amigo regaloume hai anos unha das primeiras Minox, aquelas lendarias que se facían en Riga. Miro para ela e xa o paso ben. Supoño que iso mesmo fará Zapp na súa casa de Suíza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de outubro de 2001.