La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde, cando regresaba á casa despois do traballo, vin escoitando na radio unha entrevista cunha cantante famosa. A locutora empezou preguntándolle se conseguira chegar ata os estudios onde estaban falando, sen ser acosada polos fotógrafos e a entrevistada respondeu que xa coñece algunhas técnicas para librarse a tempo dos seus perseguidores. Logo explicou en que consiste esa experiencia de sentirse vixiada todos os días, sen posibilidade de saír á rúa tranquilamente, como unha persoa normal.

Isto de persoa normal repetiuno varias veces. Dicíao con nostalxia, igual que se falara dun ben perdido e irrecuperable, como a infancia. Por exemplo, nun momento da entrevista referiuse a unha amiga dela, á cal cualificou de normal e da que confesou que sentía envexa precisamente por iso, por ser unha muller como as demais.

Logo pasou a falar doutras cousas, entre elas a súa vida: érguese de mala gana porque lle gusta durmir polas mañás; gústalle comer de todo, aínda que prefire a carne antes que o peixe; só ve a televisión polas noites, máis que nada por falta de tempo; adora os seus fillos, que son preciosos; cre que o racismo carece de xustificación e que en España non hai racismo; se fose home, gustaríalle xogar ao fútbol, pero tendo outra profesión. Como se ve, nada extraordinario e todo moi normal. O que resulta raro é que a persigan os fotógrafos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de outubro de 1997.