La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un bo recordo

O venres pola tarde, cando regresaba de Asturias, no momento en que me estaba apoximando a Oviedo déronme a noticia da morte de Filgueira Valverde. A véspera, mentres ceabamos ao aire libre en Colombres, no xardín do Arquivo de Indianos, un dos asistentes, escritor e profesor na Universidade Complutense, preguntoume por el, a quen coñecera había uns anos en Madrid. Díxenlle o que sabía, que estaba moi mal. A novidade, polo tanto, non me colleu de sorpresa, pero non por iso deixou de impresionarme.

Vin a Filgueira por última vez o pasado día 27 de agosto pola mañá, no cemiterio de Boisaca, onde nos xuntamos cinco amigos para levarlle unhas flores a Ramón Piñeiro, na data do seu cabodano. Atopeino moi desmellorado. A pesar do fresco que corría, case frío, estivo rezando en silencio un cachiño diante da tumba.

Despois falamos un pouco e fixo unhas consideracións sobre a morte, … Seguir leyendo

Congreso de Verines

Acabo de chegar a Asturias para participar no Congreso de Escritores de Verines, un rito que veño cumprindo con moito gusto desde hai dez anos, sempre por estes días xa outonizos do mes de setembro. Mentres escribo este artigo teño diante de min, a través das grandes ventás do hotel, unha pequena praia do Cantábrico. A auga está limpa e loce unha viva color verde. Cando remate con esta miña obriga, vou baixar dar un paseo e facer unha visita a unhas covas furadas no monte, aquí ao lado, nas que bate a auga do mar.

Pola noite, despois de cear, nun amplo salón que temos na planta de abaixo, os amantes da conversa roubarémoslle ao corpiño un pouco de sono, quizais tamén algo de saúde, para facer tertulia ata horas pouco cristiás da madrugada. Entre os novelistas invitados hai xente que sabe moitas historias e o tempo pasa rápido.… Seguir leyendo

Xeografía

O domingo pasei unhas horas en Sevilla cuns amigos. Pola noite, cando regresabamos ao hotel, o taxista que nos levaba, un rapaz novo e simpático, un pouco infeliz e bastante falador, preguntounos se eramos de Madrid. Respondímoslle que non e dixémoslle que viñamos do noroeste. “Ah, de Barcelona”, comentou. Entón, un de nós explicoulle que se dobraba o mapa polo medio, seguro que lle saían as contas. Como tampouco pareceu entender, eu mesmo lle puxen o asunto diáfano: díxenlle que viñamos de Vigo.

Nese momento, sen comentario de ningún tipo, o rapaz cambiou de conversa e contounos que non lle gustaba o fútbol nin os touros e tamén farfullou algo respecto da calor que fixera durante o día. Logo, sinalando un auto que ía diante de nós, con matrícula de Logroño, dixo: “Ahí tienen un coche de su tierra”. De xeito tácito, os tres amigos calamos, convencidos de que sería … Seguir leyendo

Un accidente

Durante os últimos días comentei aquí un artigo do periodista Jeffrey Bernard, o punto filipino recentemente desaparecido. Hoxe vou falar doutra das súas historias, que lin pouco antes da súa morte e que ten, como todas as que el contaba, doses de humor e de ironía, sen excluír a tenrura daquel gran borracho cínico e melancólico. Desta vez, a protagonista do esperpento foi unha muller inglesa que estaba esquiando en Suíza e que non atendeu a recomendación do monitor para pasar polo lavabo antes de iniciar o descenso.

No momento en que se decatou de que se equivocara, saíu da pista e apartouse detrás dunha árbore. Acomodada para a faena, os esquís empezaron a esvarar e así foi transportada durante un quilómetro en caída libre, cos pantalóns baixados e deixando atrás de si un regueiro amarelo na brancura inmaculada da neve.

Cando subiu ao avión ao día seguinte, á señora … Seguir leyendo

Confesión dunha envexa

Se a un lle preguntasen que é o que máis lle impresiona de Berlín, a resposta sería tan difícil como longa e variada. Sen saír do ámbito da cultura, a lista de marabillas que a un lle gustaría ter no seu país sería practicamente interminable, empezando pola Filarmónica, seguindo pola Biblioteca Nacional e continuando pola famosa figura de Nefertiti no Museo Exipcio. Digo continuando e non rematando, porque non parece fácil poñerlle fin a calquera lista das moitas posibles, todas desexables.

Con todo, se a un lle gustase levar consigo algo de aquí, sería quizais o transporte público, ese prodixio de comodidade, rapidez e eficiencia. Son este tipo de cousas as que contan a verdade sobre a boa organización dun país. O resto, incluídos os museos, os teatros e as bibliotecas, non é máis que unha consecuencia.

Unha sociedade que resolve ben, con antelación e para moitos anos, estas cuestións … Seguir leyendo