La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu non sei se agora os bispos visitan as escolas, pero alá polos anos cincuenta, a presenza do prelado nun colexio era un acontecemento fantástico, que os pequenos vivían cunha alegría semellante á que se produce na noite de reis magos. Estou falando por experiencia. Unha vez, cando nos dixeron que nos tocaba a nós esa graza, eu recordo que foi un día feliz, en parte porque estaba convencido de que do Papa para abaixo, non había no mundo ningunha persoa máis importante, incluído o  propio Franco.

Durante máis dunha semana, despois de facer as bandeiras de papel, estivemos ensaiando como debiamos comportarnos para recibir un personaxe de quen o mestre nos dixera que tiña unha relación, por vía directa, cos apóstolos. Repasamos o catecismo, aprendimos novas cancións, varrimos a escola e agardamos.

Se non fose porque a última hora, cando o bispo estaba encantado co noso comportamento, apareceu pola porta o tolo do Leoncio pedindo a berros unha peseta, a visita sería un éxito. Deunos un tal ataque de risa que estivemos a punto de derrámalo todo. Acordeime onte deste episodio ao ler nos periódicos a noticia da catástrofe sufrida polo avión máis perfecto que  teñen os americanos, destrozado por culpa dunha bandada de gansos. Os seres vivos son  marabillosamente imprevisibles, pero non sempre para ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de setembro de 1995.