La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, nunha visita obrigada a unha dependencia oficialda Administración autonómica, escoitei unha frase que nun primeiro momento me pareceu unha broma, pero que pronto me decatei de que non o era. O funcionario que me atendía, sempre correcto e unha miga mecánico, pediume unha póliza. Antes de que a sorpresa que se me debeu pintar no rostro acabase convertida nunha frase de perplexidade ou de protesta, xa el se encargou de aclararme que eran normas novas.

Confeso que ignoro calquera cousa sobre as interioridades e o funcionamento da Administración, un calvario que soporto como calquera cidadán e que procuro visitar o menos posible. Non sei, polo tanto, se esta decisión de pedir de novo as pólizas ten algún fundamento racional ou é unha forma emboscada de recadar cartos, por non falar dun error de alguén, que tamén puidera ser, como é lóxico.

Error parece, polo menos desde algunha perspectiva. As pólizas van asociadas a unha España negra, ineficaz e decimonónica, incapaz e tramposa, perdida nun labirinto tétrico de funcionarios chinches. Non parecen compatibles coa axilidade moderna dos ordenadores nin do indispensable. Máis ben parece unha manifestación máis desa síndrome do cangrexo do que recentemente temos falado nestas mesmas páxinas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de setembro de 1992