La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O que foi presidente dos Estados Unidos, Richard Nixon, tiña un problema: suaba copiosamente pola parte do bigote. Ese incordio de aparencia insignificante convertíase en cambio nun atranco moi incómodo cando o home se atopaba diante das cámaras de televisión, tanto que as imaxes do seu rostro, que por outra parte non era excesivamente agrazado, resultaban escandalosas.  Foi unha das maiores dificultades coas que se enfrontaron os técnicos publicitarios que deseñaron a campaña que o había levar á Casa Branca.

Ao final resolvérono a base de transformar os estudios e os platós de gravación nunha especie de sucursal do polo norte, co aire acondicionado funcionando a tope. A medida, ademais de eliminar o problema, serviu para sacarlle partido a unha virtude do candidato: posuía un sorriso autenticamente presidencial.

Todo isto está contado nun famoso libro de Joe McGinniss, unha crónica excelente sobre como os expertos en imaxe venderon con éxito un produto que moi poucos querían mercar. Algo parecido ao que lle debe ocorrer agora aos técnicos encargados de convencer aos americanos de que Dole é mellor que Clinton. Parece que o teñen complicado, aínda que xa conseguiron reducir puntos de diferenza cun discurso sobre o honor, a patria e a familia. É dicir, sobre nada. En España hai anos vendíase moi ben o sol enlatado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de agosto de 1996.