La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como é sabido, Isabel I de Inglaterra era unha muller fea, de dentes negros, que xuraba como un bárbaro e chuspía no chan e non dubidaba en cortarlle as orellas aos seus amigos cando estes caían en desgraza. Polo que respecta á saúde, padecía de reumatismo, dolores frecuentes de cabeza e unha úlcera que a mordía constantemente no estómago e a convertía moitas veces nun ser insoportable. Por suposto, tamén era culta. Non obstante, o trazo dominante do seu carácter debeu ser quizais a brutalidade.

Digo isto porque onte, na tertulia de Baiona, Miguel Viqueira contounos a Torrente Ballester e mais a min unha historia relacionada con Isabel e sir Walter Raleigh, aquel que lle deu o nome de Virxinia, como homenaxe á “raíña virxe”, a un dos territorios conquistados en América, e que introduciu o tabaco en Inglaterra.

Precisamente, a historia ten que ver con isto último. Un día, a soberana preguntoulle ao seu favorito, que tiña fama de animal, canto podía pesar un cigarro despois de quitarlle o fume. Raleigh, que estaba fumando, colleu unha pequena balanza e foi depositando a cinsa nun dos pratos. Cando acabou, engadiu as pesas e obtivo o resultado. A sutileza do xogo, tanto por parte da raíña como do seu capitán, indica que ademais de brutos, eran tamén intelixentes. É unha pena, pero non son cualidades incompatibles.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de agosto de 1996.