La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O artigo de onte, no que contaba como un gabián comeu un paxariño nun bosque próximo á miña casa, podía dar a entender que o meu veciño e amigo Manuel, catedrático de filosofía, é un home frío e racionalista, sen sentimentos. Digo isto porque el mesmo se queixou, en ton de broma, de que o pintase como unha especie de individuo alleo á emoción que debe espertar en calquera ser humano normal, a desesperación duns pais paxaros chorando a morte do seu fillo. Non era esa a miña intención, senón recoller o que el dixo, que era certo: ou sexa, que os paxariños non choraban, senón que emitían uns sons ditados polos seus propios xenes.

A verdade é que esa é unha conversa que mantemos con frecuencia o meu amigo e mais eu. Os dous limos con interese o famoso libro O xene egoísta, que tan mal lle sentou a tanta xente en todo o mundo, por entender que o seu autor, o célebre profesor Dawkins, defendía a teoría de que todo o comportamento humano estaba predeterminado nos xenes, o cal nos achegaba moito aos outros animais.

Eu non sei case nada destas cousas, aínda que me interesen. O que pasa é que non me importa saber, por exemplo, que cando un está namorado, a euforia e a alegría que se senten teñen unhas causas biolóxicas que se poden analizar, o mesmo que sucede con outros sentimentos. Para o caso vén ser igual que se por saber, desde o punto de vista científico, en que consiste o chocolate, un xa non puidese gozar do seu sabor. E digo adrede chocolate porque é unha das lambonadas que nos unen ao meu veciño e a min. Comendo quilos del, temos pasado horas de conversa. Adianto aos meus lectores, por se acaso, que me está rigorosamente prohibido polo médico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xullo de 1999.