La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha aldea próxima a Xinzo de Limia escoitei, hai xa moitos anos, o primeiro pranto do que teño memoria. Era o morto un rapaz novo, compañeiro meu de xogos, que morrera a consecuencia dunha infección provocada pola extracción dunha moa con flegmón. O día do enterro, no momento en que sacaban a caixa co morto da casa, un grupo de mulleres vestidas de negro, colgadas dun balcón de madeira, empezaron a dar uns alaridos sobrecolledores, como se un lobo enorme e negro lles estivese comendo o corazón.

Pasado o primeiro momento de sorpresa, coa angustia aínda metida no corpo, decateime de que aquelas mulleres dicían frases dunha comicidade absoluta. Unha delas falaba duns pantalóns que lle fixeran ao rapaz había aínda pouco tempo e que case non tivera tempo de estrealos. Outra dixo que ao finado lle gustaba o flan.

Espectáculos así vinos despois moitas veces, sempre co mesmo tipo de frases, con frecuencia facendo alusións aos obxectos do defunto, mesmo sen aforrar referencias escatolóxicas e intimidades non santas. Non sei por que razón desapareceron este tipo de prácticas, pero dáme a impresión de que foi consecuencia do incremento do nivel cultural da xente. En Corea, en cambio, tal como vimos na televisión, a morte aínda é tan teatral como era aquí antes. A pesar da revolución; ou quizais por ela.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xullo de 1994.