La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño unha veciña que se parece a San Francisco de Asís. Non o digo polo físico, porque ela é unha rapaza bonita e el non sei como podía ser, senón polo amor aos animais, que niso coinciden. Hai catro ou cinco días, pola noite, cheguei á súa casa, invitado polos pais para cear, no momento en que lle acababa de morrer unha periquita, vítima dun ovo que se lle atravesou. Levaba varias horas aplicándolle os remedios que lle dixera o veterinario, pero non puido facer máis. Retirouse a chorar en silencio e á parte, de verdade.

Xa de nena, amosaba este amor franciscano polos bichos. Cos nosos cans, pasouno moi ben, pero tamén cos gatos, incluso cos que non teñen dono, que abundan bastante aquí, no noso barrio. Na casa, en cambio, nunca lle permitiron fauna maior, de maneira que se tivo que contentar con paxariños e pequeñeces semellantes.

Esta rapaza, que o ano que vén empezará os estudos de Bioloxía, conténtase con todo: unha mioca, un grilo, un caracol… O outro día, ademais da morte da periquita, levou un desgusto. Viu o seu pai cun bote de veleno na man disposto a acabar cun formigueiro. Con toda firmeza, non llo consentiu. Acordeime de todo isto onte, mentres estaba só no porche da casa, pensando. Pensaba no rapaz secuestrado por ETA, ameazado de morte. Lástima que non tivese a sorte, como estas formigas, de dar cun corazón tan bo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xullo de 1997.