La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na miña terra, aos vagos chámanlles calaceiros e, en xeral, son mirados con malos ollos por case todo o mundo. Cando eu era rapaz, había algúns realmente gloriosos, como o Mechedes, de quen se dicía que levaba consumidas por adiantado, permiso vai e permiso vén, as vacacións de vinte anos. De todos os xeitos, algunha fórmula debía ter inventado para aprazar a débeda, porque eu acórdome del gozando dos días de verán como os demais, apertando os amigos pola rúa e derramando simpatía sen parar.

Era un vago con graza. O contrario do que sucedía con outro personaxe, ao que non vou nomear aquí por non desgutalo, que era un calaceiro desprovisto de todo atractivo. Pertencía á especie dos estomballados, eternamente sentado no espolón da praza, sen outro obxectivo na vida que coidar o corpiño e papar a mosca.

Na conferencia que dei o outro día sobre Torrente Ballester, dixen que o escritor ferrolán é un vago magnífico, admirable. Tiven que explicarme. Para ter a categoría dun bo vago, hai que ser, en primeiro lugar, intelixente. Trátase dunha condición indispensable, pois só desa maneira se pode posuír unha concepción acertada do tempo, non como un ben económico para aforrar, senón como unha riqueza para gastar. É dicir, que vagancia e sabedoría están moi próximas. Por iso convén perder o tempo de cando en vez.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de xuño de 1994.