La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como xa saberán moitos lectores, Paulo Paiakan, aquel indio brasileiro que foi presentado ao mundo como un símbolo da pureza ecolóxica, que recibiu premios internacionais de mans das máis prestixiosas organizacións dedicadas á defensa da natureza e que chegou a converterse na bandeira da loita pola salvación do Amazonas, parece que está escapado da xustiza, presuntamente por violar a unha rapaza branca e intentar matala. A notica percorre agora o mundo como ese calafrío de medo que ás veces nos percorre o  sarrizo ata poñernos os pelos de punta. Ninguén esperaba unha nova tan brutal como esta. A acción de Paiakan está salpicada ademais de detalles morbosos que a fan aínda máis  repugnante.

En primeiro lugar, a vítima é unha mociña de dezaoito anos que estaba aprendéndolle a ler ás fillas do cacique. En segundo lugar, a violación, na que participou tamén a muller do indio, foi un acto salvaxe e primario, con mutilacións feitas a mordiscos e co sangue da rapaza enzoufando ritualmente os corpos dos criminais. Se ao final a adolescente violada salvou a vida, foi grazas a un veciño que se presentou cunha escopeta e fixo fuxir aos senvengonzas.

Como era de esperar, xa hai polémica. Para algúns, Paulo Paiakan segue sendo o bo salvaxe que era antes deste tráxico episodio e a historia que protagonizou non pode ser xulgada nin analizada cos ollos dunha cultura como a nosa, prepotente e soberbia. Xa o dixo Darcy Ribeiro, un prestixioso antropólogo do Brasil: Paiakan está contaminado polos brancos, pois os indios nin son neuróticos nin tampouco teñen problemas co sexo. É posible. Agora ben, se as cousas son así, haberá que concluír que o verdadeiro culpable foi Leticia, a moza branca presuntamente violada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xuño de 1992.