La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días pasados que andei por Ourense, aproveitando as vacacións, tratei de coñecer algunhas cousas relacionadas coa miña terra, especialmente desas novidades que non saen nos periódicos. Por exemplo, había meses que non sabía nada do Lobo Coxo, un exemplar famoso que vivía na Limia. Dixéronme que ultimamente non o ve ninguén, o cal fai pensar que debeu morrer de vello. Desde logo, gustaríame que esa fose a causa e ningunha outra máis pesimista respecto do comportamento humano.

Segundo todos cantos o coñeceron, o Lobo Coxo non era mala persoa. Ninguén lle sabe de ningunha falcatruada gorda, salvo algunha ovella pillada nun descoido, e pouco máis. Quizais non fose mérito seu, porque en tempos de fartura como estes que vivimos, a fame resulta fácil de saciar, pero esa virtude hailla que recoñecer.

Tamén me dixeron que volve haber moitas cegoñas en Xinzo: un amigo meu contou uns cento trinta niños. Cando eu era neno formaban parte da nosa paisaxe, pero logo desapareceron, tanto que eu mesmo parei o coche unha vez en Palencia para ver unha, desacostumado como estaba. Isto é un bo sinal. Quere dicir que ninguén se mete con elas e que recobraron a   confianza. Alégrome polas cegoñas, por suposto, pero sobre todo polos meus paisanos. Ver unha cegoña nun campo fala bastante ben da xente que vive alí.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de abril de 1996.