La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que coñecín dous santos oficiais: un era compañeiro meu de estudos, rapaz piadoso que nos puñan como exemplo de boa conduta e santidade. A min parecíame un golfo. Un día deume unha patada, aínda que o fixo con elegancia, sen perder a compostura e conservando o sorriso beatífico que tantas veces lle eloxiaban os seus superiores. O outro foi un cura. Este, en cambio, era un home xusto e bondadoso, sempre disposto a axudar aos demais, sendo por outra parte un señor moi normal.

Aínda que non o coñecín persoalmente, na familia oín falar tamén da santidade do bispo don Florencio Cerviño, que ía pola casa. Durante algún tempo, custoume comprender a súa virtude, pois a miña nai viulle algúns arrebatos de xenio terribles, ademais de que fumaba demasiado e dicía unha palabra que era case un taco: cará.

Hoxe, non obstante, dáme a impresión de que estes son os santos que se levan, non os que, como aquel meu compañeiro, andaban coa cabeza torta cara a un lado, miraban para o chan e sorrían docemente. Debeu ser nestes nodelos nos que pensou ese futbolista do Betis que o outro día se comportou dun xeito pouco elegante co Celta e que dixo que entre quedar con cara de malo ou con cara de parvo, prefería o primeiro. Equivocouse. De comportarse dun xeito máis deportivo, quedaríalle simplemente cara de xente normal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de abril de 1997.