La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, na escola onde estuda, unha nena amiga tivo que facer, igual que os seus compañeiros, un debuxo. Pintou unha especie de val entre dous montes, con ela situada na  parte central, e logo, en cada un dos curutos, o pai e a nai, o papá paseando o can e a mamá coa barriga grande, pois está embarazada. Respondendo a unha pregunta, a pequena foi numerando por orde de importancia a felicidade da xente que aparecía no debuxo: ela en primeiro lugar, seguida do pai, a continuación a nai e por último o can.

Unha vez rematada a tarefa, a neniña meteu o papel nun sobre e entregoullo á profesora, pois había que mandalo a Madrid para que fose estudado por uns expertos. É posible que a rapaza vivise todo isto como un xogo, pero os pais esperaron o informe co interese natural que espertan as cousas dos fillos.

O resultado foi bastante desastroso. Resumindo, aínda co risco de simplificar un pouco, a conclusión que tiraron do escrito que lles acaba de chegar de Madrid é que a nena está chea de problemas e complicacións: a relación afectiva cos pais é moi rara, case enfermiza, así como a personalidade en xeral, que aparece como propia dun ser caprichoso, intrépido e audaz ata rozar a irresponsabilidade. Eu non digo que o diagnóstico non estea ben, pero a nena, a simple vista, parece completamente normal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de marzo de 1996.