La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das persoas máis desgraciadas e bondadosas que coñecín na miña vida foi un rapaz con quen tiven unha amizade fraternal e que morreu hai xa uns anos. O seu pai, admirador de Hitler, empeñouse en convertelo nun home forte, para o cal o someteu a experiencias dunha crueldade sádica e malvada. Nunha ocasión obrigouno a matar e comer un pato que o neno tiña como mascota. Sempre sospeitei que a ideoloxía daquel  señor, a quen coñecín, non era máis que a cobertura aparencial dunha maldade ruín e perversa.

Acabo de ler que na China existe un servizo de policía que se dedica a buscar cans polas casas, un animal que está prohibido pola lei daquel país. Cando estes axentes especiais descobren un daqueles bichos convivindo cunha familia, fan o mesmo que o pai do meu amigo: obrigan aos donos a matalos a paus.

Esta prohibición ten un fundamento racional, como case todas as formas de barbarie inducidas ideoloxicamente desde o poder. Trataríase de evitar que se destinasen aos animais uns alimentos que, nun país onde hai carencia deles, son necesarios para a xente. En principio, parece unha medida correcta, aínda que un ten a sospeita de que debaixo da prohibición se esconden motivos menos nobres. A crueldade case nunca se presenta co rostro descuberto, mesmo que se trate de cans ou de patos. No fondo, sempre se trata da xente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de marzo de 1994.