La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O martes pola tarde, despois de comer, achegueime ao almacén de madeiras de Agapito, aquí ao lado, en Camos, para facerlle unhas preguntas sobre uns materiais que vou necesitar de aquí a pouco. Cando cheguei, el estaba fóra, explicándolle a un veciño como tiña que facer un inxerto nunha pereira. Aproveitei a lección para aprender eu tamén, aínda que supoño que a cousa debe ser máis complicada do que parece, de xeito que, de momento, non me vou meter en complicacións que excedan os meus limitados coñecementos como agricultor. Por outra parte, como non teño ningunha pereira, tampouco terei ocasión de cometer ningún  desaguisado.

Aínda que Agapito se dedica ao negocio da madeira, ten intereses noutras cousas, como é o pole, do que fai preparados que se utilizan como menciña para determinados males, ou mel e xelea real, que garda en tarros. Hai tempo que me ten invitado a probar de todos estes remedios, pero ata agora nunca o fixen, en primeiro lugar, porque non son lambón, e ademais porque creo pouco neste tipo de milagres.

O caso foi que cheguei ao almacén de madeiras a iso das catro da tarde e non me fun ata pasadas as oito. Foron catro horas de leria, nas que falamos de todo canto nos veu á cabeza, incluídos uns parentes meus que coñece Agapito, ourensán coma min, e que son xente rara, da que se poden contar algunhas loucuras e moitos disparates. Cando me fun, decateime de que o meu interlocutor perdera unha tarde enteira de traballo, cousa que me remordeu algo na conciencia. Claro que, pensándoo ben, non hai nada de que arrepentirse. Se un home non pode dispoñer de catro horas de conversa cun amigo, non se sabe ben para que traballa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de marzo de 1999.