La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nun daqueles exámenes de reválida que era necesario pasar nos meus tempos de estudante, na proba de matemáticas puxérannos un problema que tiña pouco que ver coa materia estudada, na que había que había abundancia de teoremas e ecuacións. Por esa razón produciuse un grande desconcerto, sobre todo entre os alumnos denominados chapóns, pouco dados a calquera alteración que introducise o máis pequeno desorde na ben regulada mediocridade que con tanto esforzo cultivaran durante meses e meses de aplicación.

Excuso dicir que houbo máis que desconcerto, pois aos poucos minutos de que nos entregaran a papeleta coas preguntas, foise formando un xordo murmurio que pasou rapidamente da sorpresa á indignación e que rematou en pranto. Á miña beira tiña eu a un compañeiro que ao falar prendía no «erre» e que non facía máis que repetir , a maneira de interxeción, unha palabra escremental e fea, que por levar a letra da súa descracia estratexicamente colocada, convertía a súa irritación nun asunto bastante cómico.

A proba consistía nun dese xogos que aparecen agora nos libros de pasatempos matemáticos e que requiren, para resolvelos, unha pouca de atención e uns gramos de lóxica. Non resisto as ganas de reporducila aquí, coa esperanza de que os lectores se divirtan un pouco e esquezan por uns momentos a televisión. Trátase de substituir por números as letras que aparecen nos factores e o produto da seguinte suma: SEND + MORE =  MONEY. Con algo de paciencia, un lápis e un papel, está feito. Tanto ten o tempo que se tarde.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de febreiro de 1989.