La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, ao falar aquí do Fuego Fijo y Volador, citei ao Eladio Paz Benítez, do mesmo ramo dos fogueteiros. Dixen que o primeiro deles non lle tiña moita estima ao segundo, ao cal  consideraba máis partidario do ruído que da arte. Era un pretexto para non contar descarnadamente a verdade, é dicir, que se trataba de problemas de ciumes entre profesionais. O certo, non obstante, é o contrario: o Eladio Paz e o seu cuñado Chimpafigos compuñan unha parella de fogueteiros artistas, nas que o ruído, iso si, xogaba tamén un papel.

Eu oínlle dicir ao Eladio que unha bomba tiña que ter potencia, da mesma maneira que un dianteiro centro debía ter pepinazo, ou sexa, forza na perna para tirar á porta. Non me foi difícil estar de acordo cunha teoría tan razoable, baseada no sentido común, que por outra parte concordaba bastante ben coa filosofía dos nosos paisanos.

Este fogueteiro amigo, que non sei se vive aínda, era home sensible, de grandes abrazos na rúa, de invitacións fulgurantes a calquera hora do día, de visitas cordiais, cheas de emoción, aos enfermos, con toda clase de ofrecementos incluídos. Devoto de varios santos, especialmente da mártir Santa Mariña, pola que sentía adoración, era home fondamente relixioso, inxenuo e limpo, consecuente. Un día, nas festas de Lamas, dixo: “O único malo das bombas que boto é que me daría pena que espertasen a Deus Noso Señor”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de febreiro de 1998.