La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un día, hai xa moitos anos, un cidadán de Leipzig chamado W. Liebeschütz foi sacado da súa casa a punta de pistola e conducido a un edificio destartalado para recibir patadas, puñazos e paus durante varias horas. Posteriormente, despois de ser sometido a un fusilamento simulado, foi internado nun campo de concentración, onde padeceu os horrores que todos sabemos, excepto a morte, un requisito final que alguén impediu, quizais porque naquelas circunstancias a vida valía tan pouco que incluso se podía regalar a cambio de nada.

Moitos anos máis tarde, W. Liebeschütz escribiu un libro para falar da experiencia máis amarga de todas cantas vivira, que non foi a que pasou no campo nazi, senón outra que veu despois. Nun debate de televisión no cal participou como invitado, tivo que soportar durante máis dunha hora a insolencia dun mozo, metade encanallado e metade estúpido, que dixo que os campos nunca existiran.

Para mozos como aquel acaba de falar o xeneral serbio Ratko Mladic, que con toda seguridade é un tipo ruín, pero que non carece de intelixencia. Ao negar a realidade evidente das violacións de mulleres musulmás por parte dos milicianos que el mesmo comanda, está chapotando na auga para xuntar a porcallada. Sabe que hai xente, como aquel rapaz alemán, que se alimenta desa clase de desperdicios e non ignora que sementado mentiras, a verdade medra desnutrida. Tampouco debe ser ese un mal mundo para el.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de febreiro de 1993.