La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non coñezo a ninguén que bebera máis viño e máis copas de coñac na súa vida que o Lisardito Tatarí, un vago ocorrente e simpático, encanallado no licor podre e barato das tabernas. Non era un home grande, senón todo o contrario, un miscarda pequeño e insignificante, tipo piollo. Dicía que o peor de non ter moito corpo era a falta de espazo para meterlle máis tralla polas noites, cando marchaba para a casa dando tombos polas rúas porque non lle quedaba sitio nin sequera para un groliño final. Morreu de exceso.

Non son raros estes individuos pequenos e delgados cunha capacidade desmesurada para beber ou comer. Xa teño falado aquí dalgúns tragóns de poucos quilos, peito escaso e cintura minguada, capaces de papar eles sós un cabrito enteiro, dar conta de varias tortillas de pataca ou lamber unha ducia de ovos cocidos.

Falando de desmesuras, onte saíu na televisión unha señora berrando de indignación contra o señor Vera na porta do xulgado. Estaba tan arrebatada que parecía que xogaba a vida no asunto. Unha conduta tal vehemente como esa pode ser a consecuencia dunha pureza ética que se sente escandalizada. Mellor así, porque sería feo que, tal como ocorre cos comellóns e os bebedores antes citados, unha irritación tan inmensa se acabase correspondendo cunha conciencia moral autenticamente tuberculosa e esmirriada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de febreiro de 1995.