La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En relación coa galiña ruín da que falei onte aquí, un amigo que sabe moito destas cousas da natureza díxome que, en xeral, os animais non adoitan ser malos, aínda que ás veces se comportan dun xeito que nos pode facer pensar o contrario. É posible, pero ver a unha pita saltándolle nos ollos a un neno con lentes, como vin eu, parécese moito a un acto propio de xente malvada. Don Ramón Otero Pedrayo estaba convencido de que, cando unha galiña fai iso, é porque confunde os ollos dos rapaces con figos.

Ultimamente non está ben visto falar mal dos animais, nin sequera das cobras, que parecen repugnantes. Mesmo en Xapón hai unha asociación de amigos dos tiburóns: falan marabillas da bondade destes monstros. Eu vin un par deles no acuario de Baltimore, cara a cara, e teñen unha pinta horrorosa, pouco de fiar.

Non resulta fácil afacerse a esta nova filosofía. Un pode entender que os lobos non sexan tan feroces como se dixo e que as hienas non imiten voces para atraer as vítimas, pero custaríalle aceptar a bondade das ratas, dos escorpións, das víboras, das arañas ou dos alacráns. Despois de todo, non semellaría razoable pensar que non houbese maldade tamén entre a bichería. É o que pasa coas persoas: normalmente, non hai queixa, pero de cando en vez aparecen individuos de corazón podre cunha pistola na man.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de febreiro de 1996.