La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, entregado aos recordos, andei revolvendo papeis nas carpetas onde gardo unha parte da miña vida e atopei algúns que xa tiña esquecidos. Entre eles uns exemplares dunha revista escolar que dirixía o profesor José Luis Bobillo e que se chamaba Aula Dice. Creo que foi nas súas páxinas onde publiquei o meu primeiro escrito. Era espantosamente malo, retórico, cursi e sentimental, tres vicios que hoxe non soporto na literatura e que tampouco me agradan demasiado na vida. O peor de todo é que, daquela, o articuliño dado a coñecer no periódico do colexio parecíame unha marabilla. Inocencias da mocidade.

A revista imprimíase en Ourense e non recordo quen puña os cartos, pero teño idea de que os alumnos pagabamos algo. Desgraciadamente, acabaron prohibíndoa as autoridades provinciais que entendían do asunto, alegando problemas burocráticos sen solución, é dicir, unha trampa. Foi como se un mangallón nos roubase un xoguete.

Sentounos tan mal que o Manolito Dobaño e mais eu decidimos fundar, como protesta, un partido clandestino que se chamaba Frente de Estudiantes Republicanos. Non conseguimos que se apuntase ninguén máis, pero fartámonos de pintar as siglas (FER) nas pizarras. Ata que un día, don Ánxel Cocho, o director, chamounos á dirección para dicirnos que el simpatizaba cos estudantes inquedos, pero que nos deixásemos de parvadas. Saímos de alí cunha sensación vergonzosa insuperable: un partido de dous e clandestino, pero descuberto tres días despois de fundalo. Como mal menor, resucitamos a revista, pero feita a máquina. Era como xogar ao fútbol con pelota de trapo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de febreiro de 2000.