La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Ferrol para participar nos actos do primeiro cabodano de Gonzalo Torrente Ballester. Foi todo moi sinxelo, moi propio e digno del, pero con moitos amigos que acudiron a renderlle homenaxe na Casa da Cultura. Unhas palabras, unhas flores e unha lectura de textos do escritor feita por rapaces e rapazas dun instituto; nada máis. O resto, transcorreu na intimidade do corazón de cadaquén. Despois, un grupo pequeno fomos xantar xuntos a un lugar moi agradable e pasamos un par de horas de conversa, contando historias, algunhas delas relacionadas, como era de esperar, co escritor. Así que el estivo tamén con nós.

Para Torrente, os xantares eran unha maneira nobre de falar, á parte de que gozaba coa boa cociña e cos bos viños, incluso cos bos puros, antes de que os médicos o obrigasen a deixalos, que entón se contentaba con pedirme que lle botase o fume dos meus cara a el. De todo iso houbo onte. Deduzo, polo tanto, que o debeu pasar moi ben.

Das historias que se contaron, unha das máis celebradas saíu dos labios de Javier Torrente. Máis que unha historia propiamente dita foi un comentario feito de corrido, case sen darlle importancia. Referíase a un amigo, Antoñito Cores, do que dixo que pasara unha parte da súa vida matando elefantes en Kenya. A cousa chegou a ser tan importante, segundo o fillo de Torrente, que o citado cazador tivo que fuxir correndo de África, pois os elefantes pilláranlle o cheiro de tal maneira que andaban detrás del por todas partes, talmente como policías que buscan a alguén ou como unha banda organizada que persegue a un inimigo para liquidalo. Un pouco máis, e aquilo acaba en novela.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xaneiro  de 2000.