La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Foi por esta época e cun tempo como o que temos estes días, pero hai xa moitos anos. Estabamos na casa de Lamas, pasando as vacacións de Nadal, quentándonos ao lume porque fóra caía a neve desde había varias horas e o frío metíase entre os ósos como un pecado sen perdón. De pronto, alguén entrou desde a rúa, coa cabeza cuberta por un gorro negro e un abrigo da mesma color. Sen dicir boas noites, soltou a noticia. Polo visto, uns homes de Ganade viran o Primo tirado no monte, comido polos lobos.

Creo que nunca pasei tanto medo na miña vida. Aquela noite, xa metido na cama, non conseguín quitar da cabeza a imaxe do Primo devorado polos bichos, morrendo desangrado sobre a brancura da neve. Aínda que aquel home me recordaba o demo, porque era feísimo, tampouco me gustaba que morrese daquela maneira.

Unha semana despois, cando eu estaba xogando no patio, escoitei berrar fóra. Era un berro terrible, como de morte ou desgraza. Nuns poucos segundos, xuntouse xente de todas partes, agora máis calmada, aínda que todo o mundo seguía berrando. Aparecera o Primo, que naturalmente non fora comido polos lobos, como se dixera. Estouno vendo, cun pasamontañas e a barba de varios días, o corpo inmenso, dominado por unha barriga desmesurada. Non minto se digo que aquel día ata me pareceu un anxo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de xaneiro de 1997.