La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira visita do ano foi para Agapito, o amigo que ten un almacén de madeira, con quen me gusta botar unha parrafada de cando en vez. É un home que transmite tranquilidade: fala con calma, móvese sen presa, ten un enorme sentido común e sabe moitas cousas importantes. Por exemplo, coñece case todo o que se pode coñecer sobre as virtudes do mel, que cultiva, e sobre a froita, que cultiva tamén. Onte regaloume unha caixa de mazás da súa horta de Ourense, desas que chaman de pel de sapo. Teñen a virtude de ser enteiramente naturais, coidadas na mazaira con mimo, pero sen química, o cal resulta un luxo.

No tempo que estiven onte no almacén, falamos de varias cousas, arroupados pola chuvia que caía fóra a aquelas horas da noitiña e que peteiraba no teito como un estribillo gracioso, cáseque como unha música. Eso, unido ó arrecendo do serrín e da madeira, que me entusiasman, compuña para min un cadro ideal, o marco perfecto para unha boa tertulia. Sen embargo, cometimos unha pequena equivocación: puxémonos a falar mal de alguén.

Resulta que os dous coñecemos a un mesmo perillán que nos montou algunha xogada, hai xa bastantes anos; grande a que lle fixo a el, máis pequena a que me fixo a min. Non sei por que inesperada asociación de ideas se meteu o personaxe na nosa conversa, que discurría por camiños relacionados cos productos naturais, as vetas do pino oregón, difícil de conseguir por razóns de tipo ecolóxico, ou a color da madeira de faia en relación coa de carballo. Menos mal que nos decatamos a tempo e cambiamos de rumbo. Falar mal de alguén pode ser ata divertido, pero no tanto como tratar das virtudes do polen ou do sabor das mazás reinetas.
Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xaneiro de 2001.