La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo nunha revista a historia dun rapaz sueco que acaba de correr unha grande aventura. Hai anos que quería subir ao Himalaia, unha empresa que poucos conseguen e para a cal se necesita unha boa condición: sobrevivir a máis de oito mil metros de altura, cando respirar se converte nun tormento por falta de osíxeno e o corpo, transformado nun saco cheo de chumbo, remata sendo un estorbo para o propio corpo, require meses de adestramento físico e mental, algunhas doses de sangue frío e moita sorte.

Para enfrontarse con éxito a unha proba tan difícil, o mozo do cal falo decidiu que a mellor preparación posible podía consistir en coller unha bicicleta e percorrer nela os trece mil quilómetros que separan Suecia do Nepal. Coa determinación teimuda dos escandinavos, puxo en marcha o proxecto e conseguiu sen máis o que pretendía.

Non só conseguiu iso, senón que agora ten tamén un bo traballo, relacionado co mundo do deporte. Os seus compañeiros de escola recordan que este triunfador foi antes un alumno pésimo, estudante de catro céntimos, máis dado ás loucuras que á disciplina de cada día. El replícalles dicindo que todo canto fixo ata agora foi unha longa preparación e que o seu emprego actual non é resultado de ningunha casualidade. Sen dúbida debe de ter razón, pero parece menos perigoso estudar un pouco que subir ao Himalaia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de decembro de 1997.