La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai turistas que chegan á India, descobren en cada recuncho do país cousas insólitas, disparan as cámaras e volven marabillados das delicias dunha cultura na que aínda queda un lugar para o espírito. Se coincide ademais que o turista é un intelectual, dun espectáculo macabro como o dos cadáveres que baixan polo Ganges e son devorados polos corvos, fará un discurso, non sobre a escasez das funerarias en Oriente, senón sobre a fermosura épica da pobreza. A insensatez humana non se detén nin sequera diante da morte.

O espírito nada ten que ver coa miseria. Matar a pedradas a seis nenos, como sucedeu onte, porque uns homes lles destrúen os templos a outros homes de relixión diferente, é unha acción que produce estupor. Espírito por espírito é preferible a indiferenza laica do materialismo occidental, racionalista e pragmático, que pensa que ningún templo, por sagrado  que sexa, vale a vida dun ser humano.

Por suposto que aquí tampouco estamos libres da barbarie, ás veces con características que nos enfrían o corpo de espanto, como sucede agora mesmo cos crimes racistas. A xente, non obstante, non está disposta a matar nin a morrer polas crenzas relixiosas, o cal non quere dicir que estas non teñan valor ou que resulten indiferentes. O que sucede é que a razón, tan desprezada e acusada, hai tempo que nos fixo entender que as cuestións do espírito non teñen o seu asento nas turbulencias do corazón, senón na calma fría e serena do cerebro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de decembro de 1992.