La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nos últimos anos da súa vida, Gonzalo Torrente Ballester convertérase nun home absolutamente sedentario, máis por vagancia intelixente que por impedimentos de tipo físico. Para paliar as consecuencias negativas de tal costume, Fernanda obrigábao a dar pequenos paseos de cando en vez. Un deles consistía en recorrer a pé a distancia, non demasiado longa, que había entre a súa casa da Romana e un café da Ramallosa. Un día, nada máis chegar, deixouse caer na cadeira, como un fardo, e díxome botando un suspiro: “¡Estoume matando!” A min deume a risa e fíxenlle unha broma: “Se segues adestrando así, acabarás sendo un Zatopek”. Chamoume a atención que Torrente non soubese quen era este señor.

Para os rapaces da miña xeración, en cambio, Emil Zatopek foi un ídolo, incluso para aqueles que non entendiamos moito de atletismo. Era o mellor corredor de fondo do mundo, o único  na historia capaz de gañar nunha mesma olimpíada as tres grandes probas, desde 5.000 metros ata o maratón, pasando polos 10.000. Cando estiven en Praga preguntei por el, pero ninguén me soubo dar razón da súa vida. Entérome agora de que morreu o mércores.

Nos días da revolución de Praga, aplastada polos tanques soviéticos, Zatopek apoiou o cambio. Cando se restableceu a orde, o atleta foi expulsado do partido e degradado da súa condición de coronel. Logo desapareceu practicamente, como engulido pola terra; tragado en realidade pola historia. Correron lendas sobre o seu paradeiro, todas bastante pesimistas, ata que se soubo que o mandaran a traballar, como castigo, a uns pozos de uranio. Arrepentiuse, non sei se por convicción ou porque a vida era moi dura. Por todo o que dixo máis tarde, vese que non era ningún heroe. Algúns dos seus admiradores desencantáronse, como se de repente perdera todas as carreiras. O corpo e alma non sempre teñen a mesma musculatura. Admirable ser humano, a pesar de todo, Zatopek.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de novembro  de 2000